Adeus, amigo abeto

Darío Areas MUSEO FERNANDO BLANCO

CEE

Darío Areas

19 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 6 de outubro tiven unha reunión no instituto Fernando Blanco para organizar o acto de entrega dos Premios Académicos que, tódolos anos, a Fundación e o centenario centro educativo ceense outorgan ao alumnado con mellores expedientes.

Esa mañá, ao atravesar o portalón de entrada, como sempre, mirei á miña esquerda para «saudarte» e, coma moitas veces, unha especie de forza misteriosa empuxoume a acercarme a ti.

«Que tal grandullón? Unha foto?».

A imaxe que ilustra este artigo fíxena ese día e compartina nas redes sociais da Fundación baixo o título «Fáisenos difícil pasar ao teu carón e non facerche unha fotografía». Para min eras hipnótico.

Tan só 11 días despois dixeches adeus. Precisamente na véspera do aniversario do fundador as túas raíces deixaron de aferrarse á terra para sempre. Parecías tan forte e tan san, tan robusto e tan cheo de vida ... Pero desta vez o deus Eolo ganouche a partida a ti, que tantos temporais e refachos de vento tiveches que sortear para manterte en pé.

Cee perde un dos seus símbolos mais queridos, e o teu xardín, ese no que medraches con forza e dende o que estirabas as túas mans como querendo tocar o ceo, está hoxe triste pola túa partida.

Sentinela xigante de brazos grosos e alongados, sempre disposto a abrazarnos e a darnos unha calorosa benvida, xa non serás testemuña das vodas que se facían ao teu abrigo, nin estarás atento ás clases que se impartían nos bancos á túa sombra.

Eras o centro de todas as olladas que admiraban o teu maxestoso porte e a túa indiscutible beleza. Seguro que o resto das árbores do recinto tiñan celos de ti, pero seguro que tamén te botarán en falta como bo compañeiro de tantas aventuras compartidas con elas.

Prométoche que che seguiremos lembrando e que continuaremos falándolles ás vindeiras xeracións de ti. Din que non morremos de todo mentres alguén nos siga lembrando. Podo asegurarche que ti seguirás vivo na memoria da veciñanza e de tanta xente da contorna que se formou entre as paredes centenarias do centro educativo que custodiaches dende as súas orixes.

As árbores permanecen intactas se marchamos, pero nos non no caso de que se vaian elas... Abofé que si.

O mais importante é que non houbo que lamentar desgrazas persoais ... Ata para dicir adeus elixiches o momento mais oportuno amigo.