Casa Real e Fundación Fernando Blanco: unha provedora en común

DARÍO AREAS [MUSEO FERNANDO BLANCO]

CEE

A ourivería ceense, para ornato e para servizo, vén da prestixiosa Pratería Meneses

20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño escrito nalgunha ocasión anterior arredor da exquisitez de todo o material adquirido para o instituto Fernando Blanco de Cee dende a súa inauguración a finais do século XIX. A dotación de material didáctico para as distintas materias impartidas e gabinetes existentes, así como os fondos que integraban as distintas coleccións artísticas, caracterizábase pola calidade, a innovación, o luxo e a riqueza de todas e cada unha das pezas adquiridas.

Entre as coleccións artísticas, na que sobresae a de pintura, merece ao mesmo tempo salientarse a de ourivería, tanto na súa vertente relixiosa para o ornato e uso na capela do instituto (lámpadas de aceite, candeeiros, custodia, cálices, incensario...), como na súa vertente de «servizos para mesa, fonda e café» (culleres, garfos, bandexas, xogos de café, ...). Gran parte desta colección mercouse na prestixiosa Pratería Meneses de Madrid, casa fundada por Leoncio Meneses Alonso (Villamuriel de Cerrato, Palencia, 1816 - Madrid, 1883).

Os primeiros contactos do fundador co mundo da ourivería proceden da súa estancia na colonia británica de Xibraltar (1843), onde tivo que refuxiarse logo de incorporarse ao exército do Xeneral Espartero. Nese tempo aprendeu o oficio de prateiro grazas ás ensinanzas dos enxeñeiros ingleses e dos mestres árabes e xudeus do Norte de África, familiarizándose coa técnica da galvanoplastia e os métodos para dourar e pratear metais. Logo do desterro volveu á capital de España reclamado polo ourive italiano Marcos Lattis, completando con el a súa formación. Ao pouco tempo, e trala xubilación de Lattis, Meneses quedou á fronte do obradoiro. Dos catro fillos que tivo, tres, os varóns, aprenderon o oficio traballando no negocio familiar e especializándose logo en diversos traballos na Escola de Artes e Oficios de París.

No ano 1856 abandonou a vella sede da madrileña Carreira de San Jerónimo e trasladouse a un novo local. Foron estes anos de expansión para a empresa, manifestándose claramente no número de traballadores ao seu cargo.

No ano 1874 introduciu aos seus fillos na empresa, pasando a denominarse Leoncio Meneses e Hijos e, posteriormente, tralo pasamento do fundador, os seus fillos inaugurarían unha nova fábrica no Barrio de Salamanca dando traballo a mais de 300 empregados. Mais tarde, a viúva do fundador mercou un solar na Praza Canalejas e no 1915, os arquitectos José María Mendoza Ussía e José de Aragón Pradera construíron nel un dos edificios comerciais mais luxosos de Madrid. Coñecido como edificio Meneses constitúe, hoxe en día, unha das edificacións mais emblemáticas da cidade. A empresa axiña se converteu nunha das mais dinámicas do gremio. A continuada experimentación con novos materiais e a busca de novas técnicas comerciais fixeron de Pratería Meneses un negocio innovador nun sector, ata o daquela, moi tradicional. O negocio tiña un claro carácter industrial e así o traballo nos talleres estaba estruturado en seccións produtivas, cada unha delas a cargo dun especialista. A fabricación ao longo de todo este tempo estendeuse á ourivería relixiosa e á pratería destinada a obxectos de mesa e elementos para hoteis. Nos últimos anos da súa vida embarcouse nas fundicións de bronce con fins artísticos (esculturas) e prácticos (tuberías, canaletas....).

A marca comercial Prata Meneses era unha aliaxe de prata e níquel por medio da cal se obtiña un metal máis barato que a prata e de máis calidade que o níquel. Deste xeito Meneses logrou captar unha clientela de clase media e alta que acudía aos seus refinados establecementos para mercar obxectos de luxo a un prezo bastante inferior, satisfacendo así as súas necesidades suntuarias.

Outro dato relevante foi a expansión comercial entre os anos 1850 e 1876. A estratexia comezou coa creación dunha rede de establecementos en provincias e no estranxeiro, contando con varias sucursais repartidas polo territorio español e abrindo tendas na Habana (Cuba) e Manila (Filipinas). Para ter un contacto mais directo cos distintos locais contaba con varios viaxantes, así como tamén tiña en nómina a figura dun xerente, o cal velaba polo correcto funcionamento de todos os seus establecementos, e dun encargado para poder facer chegar os distintos pedidos ás diversas sucursais.

Ao longo da súa historia, a empresa mereceu numerosos premios e medallas, incluso no ámbito internacional, pero a súa reputación quedou aínda mais asentada cando, no ano 1875, concedéuselle o posto de provedor oficial da Casa Real. Leoncio Meneses faleceu en Madrid no 1883, e na actualidade aínda hai descendentes do fundador que continúan coa tradición familiar iniciada na década de 1840.