![](https://img.lavdg.com/sc/YgfxjAY25n8VhrOQ9C7PD530Lrk=/480x/2025/02/07/00121738943222414723417/Foto/CF8C10F2_16460.jpg)
As bases e cuantías do certame publicáronse onte no BOP. Tamén as dos concursos da biblioteca Francisco Mayán
08 feb 2025 . Actualizado a las 23:53 h.Van aflorando pouco a pouco as propostas para este vindeiro entroido. O Boletín Oficial da Provincia recollía onte, por exemplo, a convocatoria do concurso de entroido de Cee, previsto para o sábado 8 de marzo e con 5.600 euros en premios, o máis elevado deles (925) para o primeiro posto das comparsas, seguido dos 550 do gañador en carrozas. O prazo de inscrición, tanto para candidatos individuais, parellas ou comparsas, estará aberto do 20 de febreiro ao 3 de marzo. Trasladan dende o consistorio que a cita xa se ten consolidado como a gran festa final do entroido da Costa da Morte, con participantes chegados das comarcas de Fisterra e Soneira, pero tamén do Barbanza.
Certames para fomentar a lectura dende a biblioteca
Doutro lado, un ano máis, e co ánimo de estimular a creación literaria e o gusto pola lectura, Concello de Cee e biblioteca Francisco Mayán convocaron os certames Achegamento ao libro (34.ª edición) e Na procura do noso marcapáxinas (21.ª edición). Poderán participar alumnos de educación primaria, candidatos aos catro premios de 100 euros cada un en material didáctico. Os traballos han de entregarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, de 09.30 a 13.30, con prazo aberto ata 11 de abril. Tamén se pode usar correo ordinario.