
Cita importante, e diferente, a programada para mañá, sáado, na Casa da Cultura da vila da Xunqueira
14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • O Concello de Cee, a través da súa programación cultural, terá este mes unha lembranza especial para Rosalía de Castro, no 188.º aniversario do seu nacemento. Así, pode verse na biblioteca Francisco Mayán unha mostra bibliográfica da autora, pero tamén haberá nas vindeiras datas dous espectáculos, o primeiro deles mañá mesmo, para público xeral, e outro para escolares de primaria, o vindeiro xoves 20.
No caso da proposta para mañá, sábado, chegará á vila da Xunqueira da man de Gallaecia Eventos Na Cerna do Son, ao abeiro da Rede Galega de Teatros Auditorios. Danza, música en directo e tamén poesía. Caixón flamenco, piano de cola e voz: o que se verá na Casa da Cultura ás 20.30 horas será «unha viaxe ao corazón da música tradicional galega», rendendo homenaxe a todas as persoas que emigraron, que se viron obrigadas a marchar na procura dunha vida mellor.
Será, segundo precisan dende o Concello, unha viaxe multiARTErial, con inicio en Galicia para logo percorrer Latinoamérica e máis tarde volver á terra. Hai jazz, latin, funky, balada, cantos de traballo, alalás, xotas, cancións tradicionais sen autor, cancións sobre a emigración, tangos, boleros, salsa... Integran este proxecto Luís Iglesia (declamador), Ricardo Fernández (bailarín), Moisés Fernández (caixón), Cristian Leggiero (director musical e pianista) e Paty Lesta (cantante). A billeteira estará aberta dende unha hora antes, con entradas a 5 euros (3 a reducida).