Primavera de cultura e excelencia en Cee

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CEE

ANA GARCÍA

O Concello deu a coñecer este venres unha extensa programación, dende o 22 de marzo ata o 29 de xuño

22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estamos nas vésperas do entroido, e nós queremos xa anticiparnos e adiantarlle á poboación á programación que teremos ata xuño». Víctor Castiñeira, técnico de Cultura, presentou así o encontro onte celebrado para divulgar as actividades da Primavera Cultural de Cee, un completísimo almanaque de actividades que se estenderá dende o 22 de marzo ata o 29 de xuño. Chegará con toda a forza que tamén ten a escritora ceense —de Brens— María Lado, precisamente logo do tempo de disfraces. Propostas para todos os públicos, con música, con humor, con exposicións, con teatro, con baile... Logo de escoitar á edila, e á luz as citas arriba expostas, non puido a alcaldesa ceense, Margarita Lamela, afirmar outra cousa senón que Cee se consolida «como epicentro cultural da Costa da Morte». Teñen ata etiqueta propia, #CeeCultura2025, para facer fachenda «dunha das sinais identitarias que definen a alma da vila de Cee».

«En Cee a Cultura é símbolo de excelencia. Cee inspira cultura, formando parte do noso ADN», afirmou Lamela. «Unha programación cultural que conecta coas nosas raíces», reivindicou aludindo ás múltiples mostras de talento local que pasarán polo auditorio, as prazas ou a biblioteca nos vindeiros meses: é o caso do Día da Muiñeira, dos festivais da Escola de Música, as obras da Escola de Teatro Municipal, da exhibición de Arte e Movemento, do concerto da Banda de Música... «Pero a cultura é o reflexo da alma dun pobo, e ademais de ensinarnos a valorar o noso pasado e construír un futuro mellor, fainos sentir parte de algo máis grande e conectar con outras persoas, de aí a aposta por espectáculos sobre TDAH, o trastorno do déficit de atención con hiperactividade, ou unha innovadora programación na biblioteca de Cee, destacando os préstamos a cegas do Día do Libro», precisou a mandataria.

Unha Primavera Cultural para cada idade e gusto, con música para a nostalxia, pero tamén grandes voces dos contos como Federico Pérez, Carlos Blanco ou Xosé Antonio Touriñán. Clown, dramaturxia ou mostras como as de Luís Lista e Isabel Soutullo engrandecerán a listaxe, coa que colaboran Deputación, Agadic e Rede de Teatros e Auditorios.

A PROGRAMACIÓN, AL DETALLE

ANA GARCIA

  • «Canta, miña compañeira». Sábado 22 de marzo • Presentación literaria da obra de María Lado (Xerais). Na biblioteca municipal, ás 19.00 horas.
  • «No controles». Venres 28 de marzo • Musical dos anos 80 e 90. No auditorio Baldomero Cores, 21.00.
  • «Bule bule».Sábado 29 de marzo • Coa compañía Os Náufragos. Teatro sobre TDAH. No auditorio Baldomero Cores, ás 19.00.

ANA GARCÍA

ABRIL

  • «O soño dun neno». Venres 4 de abril • Inauguración de exposición, a cargo de Luís Lista. Inauguración ás 20.00, na Casa da Cultura.
  • «A vida é un frenesí». Sábado 5 de abril • Coa compañía Barafunda, un itinerario clown sobre o paso do tempo. No auditorio, ás 20.30 horas.
  • Festival Escola de Música. Martes 8 de abril • No auditorio Baldomero Cores, 19.00.
  • «Xa que o sabes...». Sábado 12 de abril • Con Federico Pérez, «Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)». No auditorio, ás 20.30 horas.
  • «Cerquiña da biblio». Do 14 ao 18 de abril • Actividades de conciliación para nenos entre 6-12 anos. Con inscrición previa. Mañá e tarde.
  • Carlos BlancoSábado 19 de abril • «A penúltima», contos cun gran contador. No auditorio, ás 20.30.
  • Día do Libro. Mércores 23 de abril • Préstamos a cegas na biblio. De 09.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30.
  • «Os Descontacontos». Sábado 26 de abril • Coa compañía Galitoon. Auditorio, 19.00.

 maio

  • «Retrospectiva». Venres 2 de maio • Inauguración de exposición de Isabel Soutullo. Na sala de mostras da Casa da Cultura, ás 20.00.
  • Día da Muiñeira. Xoves 1 de maio • Na Praza 8 de mazo, a partir das 17.30.
  • «Cantareiras». Sábado 3 de maio • Presentación literaria do libro de Xosé Manuel e Icía Varela (Xerais). No auditorio, ás 21.00 horas.
  • Xosé Antonio Touriñán. Sábado 10 de maio • Chega en formato monólogo, con «Aquí tou». No auditorio, ás 21.00. .
  • De Rosalía ás cantareiras. Xoves 15 de maio • Espectáculo para alumnado de primaria, no auditorio, ás 11.30. Ao remate, premios da biblioteca.
  • Concerto das Letras. Sábado 17 de maio • Coa Banda Municipal de Música, no auditorio Baldomero Cores: 21.00. Todo un clásico xa do 17 de maio en Cee. Dirixe a formación Fernando Fraga.
  • Teatro Silvardeiras. Sábado 24 de maio • Representación da obra «Os vellos non deben de namorarse», coa agrupación teatral Silvardeiras. Ás 21.00, no auditorio.

ANA GARCÍA

XUÑO

  • Escola de teatro de Cee. Domingo 15 de xuño • Función do grupo de adultos da Escola Municipal. Auditorio, 21.00.
  • Escola Música Cee. Martes 17 de xuño • Festival de fin de curso. No auditorio Baldomero Cores, ás 19.00. .
  • Escola de teatro de Cee. Venres 20 de xuño • Quenda do grupo infantil, ás 20.30.
  • A Banda da Loba. Sábado 21 de xuño • Concerto no auditorio Baldomero Cores, ás 20.00. Chega «Lovismo» coa Banda da Loba.
  • Escola de teatro de Cee. Domingo 22 de xuño • Grupo xuvenil, ás 20.30 horas.
  • Arte e Movemento. Domingo 29 de xuño • No auditorio da Casa da Cultura, ás 17.00, nova exhibición do club. Un xeito de amosar todo o aprendido durante o curso nunha agrupación que destaca tamén polos seus premios.