
O Abaladoiro | Representantes da compañía, do elenco, do Concello de Cee e da Agadic presentaron onte a nova produción
26 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Apenas días antes da gran estrea —en dobre función, o venres e o sábado, ás 20.30 horas— a veterana compañía Talía Teatro presentou onte na Casa da Cultura de Cee a súa nova produción: Un deus salvaxe, popular peza da dramaturga francesa Yasmina Reza que estará dirixida por Artur Trillo e que contará no elenco con María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais.
Eles serán os encargados de dar vida a personaxes «cheos de matices» en tanto que a obra «disecciona as dinámicas familiares, a competitividade e as tensións latentes na sociedade contemporánea».
Logo da súa estrea en Cee, a peza pasará por outras localidades como Carballo e Vimianzo, tal e como se explicou onte durante a presentación, na que participaron a alcaldesa de Cee, Margot Lamela; a concelleira de Cultura, Luisa Rodríguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; Artur Trillo e os integrantes do elenco da obra.