Grazas por tanto, Mon

Víctor Manuel Castiñeira

CEE

In Memoriam | Escribe Víctor Manuel Castiñeira, técnico de Cultura do Concello de Cee

19 abr 2025 . Actualizado a las 23:28 h.

Acaba de deixarnos en silencio, sen facer ruído. Non podía ser doutro xeito tendo pasado unha gran parte da súa vida entre libros na Biblioteca Municipal Francisco Mayán do Concello de Cee. José Ramón Rey, Mon, será para moitas xeracións de nenas e nenos de Cee e contorna, o bibliotecario. Unha persoa, aparentemente seria, á que moitos empezaron a coñecer polos concursos de Achegamento ó Libro, Teatro, Marcapáxinas… que el creou e impulsou, sendo un referente na Costa da Morte. Para o vindeiro mes celebraremos a 34.ª edición destes concursos que teñen recibido preto de 9.000 traballos de escolares e nos que teñen participado alumnos dos diferentes concellos da bisbarra.

Ademais dos libros e do seu querido Deportivo, outra das grandes paixóns de Mon, como licenciado en Xeografía e Historia que era, foi a divulgación de todo aquilo que tiña que ver con Cee. A creación do Fondo Local na Biblioteca, a súa intima relación tanto con Francisco Mayán como con Baldomero Cores, cos que colaborou activamente, e os seus artigos sobre a historia de Cee a través dos Libros de Actas do Pleno, publicados nas revistas das festas da Xunqueira, dan boa fe diso.

Neste sentido, Cee perde outro dos gardiáns do noso pasado, daquel Cee tan distinto ó actual, no que todos se coñecían polo alcume e todos eran como unha gran familia.

Para a de Mon, para os seus amigos e para os que fomos compañeiros seus durante tantos anos no Concello de Cee, este Venres Santo foi un día amargo, pero tamén de consolo despois de ver a serenidade coa que Mon loitou, en desiguais condicións, contra a dura batalla que a enfermidade puxo no seu camiño nestes últimos dous anos. Os que tivemos a sorte de coñecerte sempre te lembraremos cun sorriso e polas túas coñas ocorrentes e cargadas de sorna. Non se me ocorre mellor maneira de despedirme de ti que cos versos da canción do teu admirado Paco Ibáñez en A Galopar:

Nadie, nadie, nadie, que enfrente no hay nadie

que es nadie la muerte si va en tu montura

galopa caballo cuatralbo, jinete del pueblo

que la tierra es tuya

Grazas por tanto. Ata sempre, Mon.