Unha semana plena de saber no IES Agra de Raíces

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

BASILIO BELLO

O centro ceense rematou o venres unha nova edición da Semana Semana Cultural

02 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornada do histórico apagamento deste pasado luns deixou algo máis de tempo para remoer todos os coñecementos que trouxo canda si unha nova edición da Semana Cultural no instituto Agra de Raíces de Cee, unha tradición remontada xa ao 1999 e de celebración tan só interrompida o ano do covid.

«Nunca debemos obviar que a cultura é a alma dunha sociedade, que nos conecta directamente coas nosas raíces para impulsarnos a construír un futuro cheo de coñecemento e creatividade. É por isto que desde o centro apostamos por amosar unha realidade profesional e innovadora da contorna onde vivimos, co fin de poñer en valor todo canto temos e sentirnos orgullosos da nosa terra, da nosa xente e da nosa cultura e lingua», reflexionan dende o centro escolar.

A experiencia de Contos do Mar no Ézaro, sensibilización ambiental na praia do Rostro, coñecemento da capela ceense de San Fernando, visitas ao parque de bombeiros, ao Concello e a Xeal; práctica de baile e defensa persoal con Arte e Movemento e Dafit, skate escola... Todo isto estivo ao pé de conversas co doutor en Historia Emilio Grandío ou co filólogo e asesor lingüístico Chema Rei Lema. Falou Antonio Nodar de retrato e a fotoxornalista de La Voz Ana García, do mar de ardora. Fíxoo esta última ao fío do seu libro Mar de ardora, mar de Galicia, nun auditorio pleno de estudantes absolutamente fascinados por este fenómeno natural ante os que Ana expuxo fundamentos científicos e fotografías. O alumno con máis acertos ás preguntas feitas puido facerse ademais cun exemplar da obra.

Alumnado do IES Agra de Raíces puido saber, doutro lado, dos Premios Fouciño, de judo, de creatividade e concentración, de curtametraxes ou de biodanza. Mesmo de ciberseguridade, de arqueoloxía e prehistoria ou do cubo Rubik. Na piscina achegáronse ao spinning, ao cardio ou á musculación e para a historia, polos 50 anos de creación do instituto, quedarán dúas mesas redondas con exalumnos. Nelas tomaron parte Pepe Formoso, Rocío Leira, Sonia López, Hipólito Santabaya, Mateo Pérez, Francisco Blanco, Fernando Fraga, Ramón Marcote, Eva Trasmonte e Jenifer Espasandín.