Jonathan Barreiro: «Os méritos foron chegando polo esforzo diario nos adestramentos»
CERCEDA
O cercedense debutou coa Selección Española de baloncesto sen pasar desapercibido
05 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O xoven Jonathan Barreiro (Cerceda, 1997) debutou hai unha semana coa Selección Española de baloncesto no partido contra Montenegro en Zaragoza, clasificatorio para a Copa Mundial FIBA do 2019. E non pasou desapercibido. Nada máis saír á pista no segundo cuarto anotou un triple, e foi tamén o encargado de pechar o marcador facendo outro tiro de tres puntos no minuto final. Así, o combinado pasou á segunda fase. Este foi o culmen da súa incesante traxectoria deportiva que comezou con trece anos na Escola Basket Xiria de Carballo, logo de pasar por importantes equipos como o Real Madrid, o Ourense e, actualmente, o Zaragoza na Liga ACB, entre outros moitos.
-¿Pódese dicir que é un soño cumprido?
-Si, sobre todo aquí en Zaragoza, na cidade onde xogo co meu equipo e coa nosa afección. Ter esta oportunidade de compartir vestiario con grandísimos xogadores e, sobre todo, a confianza do técnico Sergio Scariolo para convocarme, agradécese moito.
-A súa entrada na pista foi moi ovacionada.
-Si, pero non só coa Selección Española. En cada partido que xogo co equipo en Zaragoza, a afección transmítenme moito o seu apoio. Isto axudoume a mellorar como xogador. É moi importante saber que cada vez que saes á pista tes un sostén incondicional. Prodúceche moita tranquilidade.
-Ademais, foi un debut en toda regra con vitoria incluída.
-O noso obxectivo era conseguir a cuarta vitoria e creo que o equipo o dou todo no parqué. Sabiamos cal era o noso rol e o que tiñamos que apostar, e penso que o fixemos á perfección. Unímonos como equipo. Pola miña parte, estou moi contento por axudar a conseguir ese triunfo.
-Pode estar moi contento, pois non é moi común con 21 anos chegar a xogar coa Selección.
-As etapas vanse dando pouco a pouco e a min chegoume esta agora. Foi unha experiencia que nunca esquecerei. Pero vou seguir traballando coas metas do primeiro día que é gañar minutos en ACB e seguir progresando para que, cando chegue unha nova oportunidade, estar listo e demostrar que estou aí polo meu traballo.
-Fórmase dende ben cativo.
-É curioso. Comecei facendo natación no colexio e despois compaxinei este deporte co fútbol. Pero cando tiña trece anos, debido á miña altura, animáronme a probar o baloncesto na Escola Basket Xiria e, dende aquela, xa non houbo volta atrás. Encantoume.
-¿Como o asimilou a familia?
-Sempre estivo ó meu carón, axudándome a tomar as mellores decisións. E, aínda que a todos nos gustaría facer a miña carreira en Galicia, decidimos que o mellor era ir á canteira do Real Madrid para seguir progresando.
-A partir de aí, todo foron pasos adiante. Supoño que isto tamén sería sorpresa para vostede.
-Máis ca sorpresa, creo que os méritos foron chegando polo esforzo diario nos adestramentos.
-No momento no que comezou a ter os primeiros minutos co primeiro equipo do Real Madrid sufriu lesións. Serían momentos malos e de moita impotencia.
-Tiven unhas lesións no xeonllo que me tiveron apartado un tempo das pistas, pero penso que me axudaron a mellorar noutros aspectos. A miña familia foi clave neses momentos difíciles. Dende aquela, e toquemos madeira, non volvín recaer e sigo traballando para non ter secuelas. Nunca se sabe cando é o mellor momento ou non. Pero eu tiña claro que esa lesión non me ía frear.
-Dende o 2016 é xogador titular do Zaragoza. Gran meta, tamén.
-É complicado estar nun club que che dea a confianza que o Zaragoza me está outorgando. Aposta moito por min para que mellore. Estar na ACB e permanecer é sacrificado, pois hai xogadores con moito talento. É por iso que estou moi contento. Pero sempre tes que estar ó cen por cen, polo que hai que seguir traballando.
«A Cerceda fun no verán. Éntrame a morriña ó falar disto»
Barreiro desexa ficar onde está por moitos anos máis.
-¿Ata cando ten ficha co club?
-Levo dous anos e teño opción a outros dous. Dependerá de que me renoven ou non. Pero non me preocupa o futuro. Vivo o presente. Este club ten todo o que necesito e oxalá poida estar moitos anos aquí.
-¿Cando foi a última vez que pasou por Cerceda?
-No verán. Éntrame a morriña ó falar disto. No Nadal, por partidos, non puiden. Non é fácil ir para min, a viaxe lévame moito tempo. Aquí vivo só. A miña familia vén verme unha vez ó mes.
-¿Madurou dunha forma distinta ós rapaces da súa idade, non?
-Si, levo dende os 15 anos vivindo só. Pero a verdade é que te adaptas ben e isto axudoume a madurar. Meus pais eran conscientes do que necesitaba, estar con xogadores bos e talentosos para seguir mellorando.
-¿Bota de menos Galicia?
-Oxalá puidese ir máis veces, pero en Zaragoza tamén estou ben. É unha cidade que me gusta moito.
-¿Que tal leva a fama?
-Agradézolle á xente que me siga e me apoie, pero de fama nada. Sigo cos pés no chan e intento estar centrado no baloncesto e nos estudos.
-¿Segue estudando?
-Os estudos teñen que estar ligados ó baloncesto. A carreira dun xogador non dura para sempre. Teño que ter algo para, cando remate, poder optar a un traballo. Agora estudo Xestión Comercial e Márketing.
-¿Que lle diría a eses rapaces novos que comezaron coma vostede e soñan con chegar tan alto?
-Se realmente teñen un soño, que se sacrifiquen por el. Que vaian queimando etapas de formación. Con traballo e ganas, todo chega.