O Son do Campiño, contracultura para este sábado dende Cerceda 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CERCEDA

Zënzar pechará os concertos deste sábado en Cerceda
Zënzar pechará os concertos deste sábado en Cerceda PixelinPhoto

Promoven unha tarde-noite de rebeldía e reivindicación, un ensaio-festa e xantar popular pleno de bandas e de compromiso 

13 jun 2025 . Actualizado a las 10:48 h.

Poesía, beatbox, rock, punk e moito máis. Todo iso haberá este sábado 14 de xuño, dende as 13.30 ata as 22.30 horas, en Cerceda, como parte do «ensaio festa» O Son do Campiño. A primeira edición deste encontro cultural independente, nacida dende o colectivo Komando Kultural Rabudo, coa complicidade de Zënzar e ao apoio de todas as bandas afincadas en Cerceda, vai ser compromiso lingüístico, político e cultural. Nace esta nova festa con tres obxectivos:

  • Visibilizar a creatividade cultural e facer confratenidade, ao considerar que nin institucións nin colectivos políticos o están facendo.
  • Contracultura e autoxestión, rachando «coa moda capitalista actual de macrofestival, macroescenario no que sempre actúan as mesmas bandas de maneira monótona e repetitiva». Un Son do Campiño, este, sen apoios económicos, pero sí con compromiso dos partipantes. Neste senso, chaman a institucións e colectivos culturais a visibilizar a arte alternativa, variada e de cercanía en todos os seus estilos.
  • Denunciar e amosar o rexeitamento ao «actual modelo capitalista de evento musical que emulan empresas e tamén institucións públicas e mesmo colectivos culturais que se autodefinen como alternativos». Dende O Son do Camiño denuncian «o traspaso de cartos públicos a estes modelos que non teñen en conta a cultura de base, a promoción de novos valores e que só venden o produto do seu catálogo para enriquecerse». Máis grave aínda, denuncian «as subvencións de cartos públicos a empresas que organizan festivais como O Son do Camiño, Resurrection, Morriña ou Caudal (propiedade do fondo KKR), nun contexto de apartheid, ocupación ilegal e xenocidio contar o pobo palestino. Son macroeventos cómplices con crimes contra a humanidade (...), modelos de macroevento que tamén representan un xenocidio contra a cultura popular e de base». 

O que propón O Son do Campiño para este sábado 14 de xuño en Cerceda é unha tarde-noite de rebeldía, alegría, confraternidade e festa. Poderase mercar comida no pobo ou levar a propia. Todo será de acceso libre, e velaquí o menú artístico para o número 23 de avenida do Mesón: Peter Selek e as historias do doutor Própole (14.00), GendeBeat (14.50), O Reverendo Can (15.40), Dr. Garimba (16.20), Mr. Kamándula (17.10), Os Caudillos (18.00), 12 Labirinto (18.50), Broa (19.40), Ruxe Ruxe (20.30) e Zënzar (21.20). Con Komando Kultural Rabudo colabora o Concello de Cerceda.