Cerceda agarda polo cochiño, «a mellor festa do ano»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CERCEDA

ANA GARCIA

Será, coma sempre, o último sábado de xullo: por tanto, mañá, día 26. Celebración gastronómica, musical e incluso de paisaxe 

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • «Moita xente di que a do cochiño é a mellor festa do ano, e nós humildemente dende o Concello tratamos de facela o mellor posible, sabedores de que tamén hai moitas outras atractivas neste noso territorio». Así falou onte Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, en Radio Voz. Fíxoo referíndose á 26.ª edición desta cita gastronómica que mañá volverá celebrarse no Acevedo, con momento central ás 14.00 horas, para a degustación de cochiño, polbo, churrasco e outros produtos da cociña galega: «Sempre digo que é unha festa que se pode entender de moitas maneiras, e que cada quen debe disfrutar á súa forma. Ten esa parte gastronómica de cochiño, polbo e demais, pero tamén do que cada quen queira levar, porque ademais das carpas que habilita o Concello en colaboración coa Pulpeira Guerra, están as carpas particulares, que nos últimos anos veñen sendo máis dun cento». A marca de parcelas e espazos fíxose onte pola tarde.

«Está tamén a parte musical, durante o día cos grupos San Martiño de Cerceda, Faíscas da Pontraga e a charanga Santa Compaña. Para a noite, as orquestras La Misión e Olympus», avanzou Juan, aludindo doutro lado aos inchables para pequenos dende as 15.30 ata as 19.00. A maiores, «un importante valor engadido, o entorno». Semella que o tempo acompañará mañá, bo compañeiro para gozar da celebración e da paisaxe, dende o paseo do río Cabancos ata o propio xardín botánico.

Segundo as racións vendidas previamente —a 14 euros—, a cifra andaba nas 800. É unha estimación da acollida, pero nada que ver coa cifra final: «A maioría véndese no propio día». Como remate de todo, unha sesión de fogos de artificio ás 23.00 horas, puro espectáculo logo dunha verbena que comezará cedo, sobre as 20.00, e que estará ubicada este ano «nunha leira». Así o requirían cando menos os 44 metros do palco da orquestra La Misión.

Gozará o rexedor, avanzou, da comida compartida, con outros alcaldes da zona convidados «dende o respecto institucional e a amizade». Cumprirá tamén coa tradición de percorrer as distintas carpas de merendas e mesmo co goce da música. Entre xantares e actuacións, asegura que nada desencamiñado vai cifrar a posible asistencia nunhas 10.000 persoas.