
O novo rexedor asume o cargo recoñecendo erros e con mostras de humildade
19 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Insua Insua, nacido en Fisterra no 1959 é electricista de profesión, toma o relevo na alcaldía de Corcubión, con moitas mostras de recoñecemento ao seu antecesor e con moito franqueza e humildade á hora de analizar a situación, recoñecer erros e trazar as liñas que considera vitais para o desenvolvemento do seu pobo. Unha tarefa na que quere implicar á oposición e desterrar desconfianzas históricas.
-¿Séntese máis ilusión ou vertixe por ser alcalde?
-Non o asumín moito aínda, estouno asimilando. Aínda que facía as función xa moitas veces, eu dígoo sempre: o veciño quere falar co alcalde. Aínda que nós sempre tomamos as decisións, sobre todo as importantes, en grupo, isto é moita responsabilidade.
-¿Que o diferenza de Chisco [Francisco Javier Lema]?
-El, aparte de moita capacidade de traballo, ten tamén a do diálogo cos veciños. Eu son máis de impulsos e teño que aprender a xestionar certos matices. Tamén é certo que el é funcionario de carreira e cando empezou aquí xa tiña un peso e un coñecemento de como funciona a Administración que nós non tiñamos, aínda que despois, ao mellor a política local vai por outros lados.
-¿Como foron estes anos xuntos? ¿Houbo paus gordos?
-A operación Orquesta marcounos a todos, máis a el que a ninguén. Non o sei seguro e ao mellor aventúrome demasiado, pero penso que, de non ser pola Orquesta, Chisco aínda sería hoxe alcalde. Aínda non entendo por que estamos metidos niso, paréceme algo esaxerado e descontrolado porque non hai nin datos nin probas... As conversas telefónicas son moi interpretables e, por suposto, o que puxo o cazo que pague, pero é que aquí o único que hai é un xardín que, ademais, viña no contrato que nos tiñan que facer ese mantemento. En fin, que eu penso que se un alcalde se equivoca haberá que reprendelo ou sancionalo dalgunha maneira, pero de aí aos xulgados ou pensar que Chisco puido meter a man. O que pense iso non o coñece en absoluto, non sabe quen é.
-¿Cal foi a súa experiencia?
-No meu caso e que nin sequera cometín un erro, non fixen máis que aprobar o que un técnico cualificado, neste caso a secretaria, me dixo que tiña que ser. A primeira reacción é que non o crees pero despois claro que o pasas mal. Os políticos somos persoas. Temos muller, nai, sogra... A familia en situacións destas é o verdadeiro apoio que tés. No meu caso, aos fillos non foi nada difícil explicarllo, pero a miña nai e a miña sogra non tanto. Por suposto nunca me sentín culpable pero é unha situación rara. Tés esa inquedanza.
-¿Pensa que a súa maneira de actuar propiciou isto?
-Todo o contrario. Que eu recorde nunca levantamos unha orde de reparo e quizais ese sexa un defecto do xeito de traballar que temos pola condición de funcionario e a experiencia de Chisco. Quizais deberiamos ser máis valentes, pero é un risco grande aínda que un asesor externo che diga que si, que podes facelo, porque quen informa as cousas é a secretaria. Aínda así, indo con toda a prudencia do mundo, pódenche pasar cousas e nós comprobámolo.
-¿Como analiza os resultados e o baixón electoral?
-Fixemos unha análise no grupo sobre iso e é certo que perdemos bastantes votos eu penso que por dous temas, fundamentalmente: primeiro pola xestión das rúas peonís. En Salvador Allende non soubemos darlle unha alternativa aos veciños, para evitarlle, por exemplo, dar toda unha volta ao pobo para facer a compra e iso afectounos. Despois, o cambio do candidato tamén nos influíu e pode que por aí perdéramos algún voto, porque para parte do electorado eu tamén era un pouco descoñecido no sentido de saber como sería na alcaldía. Despois está a entrada do PACOR e, sobre todo, que aumentou moito a abstención polo descontento xeral. Eu estou convencido de que o 95 % dos políticos somos xente honrada que nos comprometemos nisto, como o que traballa polo fútbol ou por outra cousa só que con máis responsabilidade. En cambio, por culpa de catro para moita xente é como se fósemos uns apestados.
-¿O peche da carnicería Antelo custoulles un concelleiro?
-Un concelleiro enteiro non, pero si que nos afectou. Neste tema o que hai que deixar claro dunha vez é que eles teñen dereito e negarllo sería meternos no xulgado e non nos aventuramos. É un tema incomprensible, impopular pero ás veces á xente hai que dicirlle as cousas como son e asumir as consecuencias. Mesmo había quen dicía que lle cambiásemos a ficha, pero iso non se pode facer. En calquera caso, non creo que fose o asunto fundamental da perda de votos que tivemos.