Mozart na braña

CORISTANCO

18 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ocolexio de infantil e primaria de Canosa-Rus, en Erbecedo-Coristanco, está nunha braña. Chan, con moita auga, preto do río Grande e na beira doutros regos. Unha zona propicia para as brétemas, para os salgueiros e os ameneiros. Ata para os miñatos que se colocan no alto do cable do teléfono asexando aos ratos. Hai un que nunca falla á súa hora e xa lle teño cariño. Pero o sitio tamén é bo para o ensino tranquilo e reflexivo, apartado das voracidades e os ruídos urbanos.

Con todo, o que máis me chama deste colexio é o gusto pola música. Non teñen a molesta sirena para as entradas e saídas, ese cúmulo de agudos que espanta aos rapaces e ata ás rapaces. Polos altofalantes poñen música. A que lle cadra, pero selecta. Pezas galegas tradicionais, e clásicas. Moitas mañás, ás 9.30, a hora da entrada, escóitase xa de lonxe o mellor fragmento de Las bodas de Fígaro, de Mozart. Pero non unha versión calquera: a de María Callas. Ata as rans paran de croar para escoitala. Cando hai brétema, ese son chega fantasmagoricamente, unha beleza auditiva irreal no medio dos prados, coa chiminea de Unemsa debecida a uns metros. Só falta que un garda civil diga que lle gusta Faulkner para que se repita Amanece que no es poco.

¿Quen non entra con gusto así a aprender? A mágoa é que os anos pasan e, despois de sexto, todo iso remata.

Deberían aprender outros moitos. Os panadeiros, por exemplo. En vez da terrible bocina, o Canon de Pachelbel.