
A actualidade destes últimos días, en clave de humor coa regueifeira Lupe Blanco
17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Bos días para as persoas,
aló vamos coas noticias,
mais sempre coa regueifa
e con pouquiña malicia.
Hoxe é día dezasete,
nesta data non me engano,
pois aló por Coristanco
fan andaina contra o cancro.
Parabéns para o Concello,
é boa iniciativa,
a ver se nos fan o mesmo
amañando a traída.
Que volvemos ter cortes,
remendándoa seguido,
e agora que vén o inverno
iremos por ela ao río.
Agora cambio de tema,
vou facerlle cruz e raia,
se aquí vamos ao río,
en Caión limpan a praia.
Cento setenta escolares,
xunto co CEIP de Caión,
limparon ben as Salseiras,
pois para eles a ovación.
Agora vamos co bravo,
cunha noticia completa,
na Gran Vía de Carballo
rouban catro bicicletas.
E non eran das baratas,
o ladrón era entendido,
que valen catro mil euros,
éche coma Álvaro Pino.
Aínda me estou preguntando
como fixo o que as roubou,
igual foi con tres ciclistas
saíndo en pelotón.
Pois seguimos coas carreiras,
escoitade o que se canta,
van ir dous dende Malpica
a Marrocos en Seat Panda.
Compiten no Panda Raid,
tampouco están tan tolos,
que era moito peor
ir de Malpica a Marrocos.
Eu remato esta historia,
perdoade o meu sentido,
ei voltar para a semana,
xa quedades advertidos.