Juan García Pose, PP de Coristanco: «O importante foi recuperar a normalidade institucional»
CORISTANCO

O candidato repite á fronte dos populares coa esperanza de lograr a maioría absoluta, tras catro anos de constantes negociacións
20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Juan Carlos García Pose é da parroquia de Oca e ten 51 anos. É técnico agrario e empresario. O actual alcalde preséntase por segunda vez polo PP.
—Hai catro anos eran oito partidos, e agora son catro. Que lle parece?
—Tan democrático é que se presenten catro como oito. Hai catro alternativas, iso é bo en democracia.
—Vostede gobernou este mandato en minoría. Como foi a experiencia?
—Coa minoría un saca o mellor e si, a máxima xenerosidade para alcanzar acordos, para sacar as cousas adiante. E, de todas as alternativas, é a máis complexa, a que máis traballo dá, na que máis pontes hai que tender. Nós tiñamos claro que Coristanco necesitaba marcar un antes e un despois, un punto de inflexión. No 2019, ese esforzo tróuxonos ata o punto no que estamos hoxe. Sentímonos orgullosos: os temas hai que tratalos, debatelos moito. E pódense facer cousas. A clave é a xenerosidade de todas as partes.
—Vostede quererá aumentar a representatividade.
—Traballouse intensamente, está bastante estendido que se fixeron moitas cousas. Coristanco está nunha situación radicalmente diferente ao mandato anterior, no que había líos, noticias negativas... O balance é positivo, e gustaríanos que os veciños valorasen ese traballo. Presentámonos para ter a máxima confianza posible e mellorar o resultado. Agora xa nos coñecen, con datos que avalan a xestión. E ademais, votos que foron a outras candidaturas que non hai teñen que buscar acomodo nas que imos.
—Que destaca do feito en Coristanco?
—Para min o máis importante foi recuperar a normalidade institucional. Os anos anteriores ao 2019 deterioraron moito a imaxe. E cando iso ocorre, a xente non quere emprender nin vivir aí. E agora mesmo o que se proxecta é algo diferente. Recuperamos a normalidade, e un pouco o respecto institucional que se lle ten hoxe. Somos quen de formalizar convenios, reivindicar proxectos para tomalos en serio, e os datos de contratación avalan que os resultados son bos.
—Que espera ver rematado no vindeiro mandato que non puido ser neste?
—Teño a satisfacción de ter resolto por completo o tema do abastecemento, cunha folla de ruta clara para os próximos meses. E tamén a área empresarial, que marcará unha mellora e consolidación do Concello nos vindeiros anos. Ademais, Coristanco ten que ter un auditorio para nenos, maiores... cunha oferta cultural complementaria. Temos un acordo cunha familia para mercar a parcela, céntrica, e estamos definindo o proxecto. Gustaríame que tivese avanzado máis, pero son temas que levan o seu tempo. Grandes asuntos como a educación, a posta polas catro unitarias, as casas do maior, ter resolto o saneamento, ter colaborado coas redes veciñais, máis de cinco millóns en máis, zonas verdes melloradas... Fíxose moito, e farase máis.
A LISTA
1. Juan Carlos García Pose
2. Silvia Pose Castro
3. Enrique Tasende Lavandeira
4. José Castro Agrelo
5. Clarisa Couto Castro
6. José Antonio Pérez Mata
7. Mª del Carmen Varela Remuiñán
8. Francisco M. Amarelle Souto
9. María Esther Gerpe García
10. Ricardo Taibo Pose
11. Sandra Fernández Porteiro
12. Patricia Traba Pose
13. José Ramón López Andrade
Suplentes: J. Ramón Muñiz Pose, José Corgo Quintela, Úrsula Abelenda, Juan A. Fernández Cancela, Mª del Carmen Fernández Cancela, Rafael Amarelle Taibo, Mª Carmen Pereiro Rodríguez, José Ramón Martínez Pose, José Manuel Santos, Mª del Carmen Bértoa Calvo.
PREFERENCIAS
- A que hora se ergue? Entre 6.30 e 6.45
- Que almorza? Café con leite
- Prato preferido: Moitos. A tortilla
- Que non comería? Insectos
- Bebida preferida: Os viños galegos en xeral
- Equipo de fútbol: Do Barça con Cruyff. Do Coristanco
- Que coche ten? Audi A4
- Unha afección: A botánica, a horta
- Un lugar: Niñóns ao atardecer
- Unha rede social? Pouco, algo de Facebook
ARTES E LETRAS
- Escritora, escritor favorito: Arturo Pérez-Reverte
- Último libro que leu: Hombres buenos, de Reverte
- Última película que viu: Cuando menos te lo esperas
- Un artista: Javier Gutiérrez
- Un actor: Jack Nicholson
- Unha actriz: Diane Keaton
- Un cantante /grupo: Bruce Springsteen
- Tipo de música: Rock
- Deporte que practica: Pádel (e vido a menos)
- Unha viaxe pendente: Nova York