
A biblioteca municipal acollerá ata finais de mes presentacións literarias de autores consolidados e voces emerxentes
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Recentemente reformada cun importante investimento do Concello e da Xunta, a biblioteca municipal de Coristanco está a ser o eixo central da programación coristanquesa en torno ao Día das Letras Galegas. Nun espazo que pretende ser un «punto de encontro para a comunidade lectora» estanse levando a cabo distintas presentacións literarias a cargo tanto de autores consolidados como de voces emerxentes. Continuarán ata finais deste mes de maio, pero nas últimas semanas creadores como Daniel Ares, Luis Ángel Bermúdez e Xesús Deus xa tiveron ocasión de compartir co público asistente detalles sobre as súas últimas publicacións e sobre os seus respectivos procesos creativos.
Máis propostas
Ademais, estes días terán lugar outras actividades, como a entrega dos premios do certame artístico-literario Asunción Antelo, un espectáculo do Mago Teto, un concerto de corais ou unha exposición sobre a cultura popular galega que se poderá visitar nas instalacións da biblioteca.Trátase dunha programación, indican dende o Concello de Coristanco, pensada para «achegar a literatura galega á veciñanza, fomentar a lectura e poñer en valor a creación literaria», din dende a Administración local.

Resolución do certame artístico Asunción Antelo
Estudantes de distintos niveis educativos participaron este ano no Certame Artístico Literario Asunción Antelo, que vén de alcanzar a súa décima edición consolidado como unha das iniciativas culturais máis destacadas da localidade coristanquesa. Membros dos equipos de Normalización Lingüística dos centros participantes, así como profesionais do ámbito literario, integraron o xurado que se encargou de valorar os traballos de poesía, narrativa, monografía, cómic e expresión artística que se recibiron este ano nun concurso que busca «promover a creación artística e literaria entre o alumnado e fomentar o uso da lingua galega como vehículo de expresión cultural», apuntan dende o Concello. A entrega de premios será o propio día 17, ás 12 da mañá, e ao rematar presentarase o espectáculo As nosas letras, que correrá a cargo do Mago Teto.

Seis presentacións literarias, na biblioteca
Son as propostas centrais do programa coristanqués deste ano e tres delas xa tiveron lugar nas instalacións da biblioteca municipal. Por alí pasaron Daniel Ares con Crónicas del mago errante, Luis Ángel Bermúdez con Santa Eulalia de Castro, historia de una parroquia en el corazón de Bergantiños e Xesús Deus, que falou dos seus Catro relatos curtos de Deus. Por diante, tres citas máis: mañá, con Sandra Aldao e La ruta de Eulogio (20.00); o venres 23, con Pura Tejelo e a súa publicación Vestidos de organdi (20.30) e o día 30, por último, con Silvia Tasende e a súa novela O espírito das maceiras (20.00). As presentacións son de acceso gratuíto e os asistentes poden levar exemplares asinados por parte dos autores participantes.
Exposición «Canta que cadramos ben» e corais
Ademais do espectáculo de maxia e da entrega de premios do certame artístico, este sábado terá lugar no Edificio de Servizos Múltiples a vixésima edición do Concerto das Letras Galegas. Será ás sete da tarde, baixo a organización da Coral Santa Cecilia de Coristanco, e este ano contará coa participación da Coral Francisco Añón, chegada dende a Serra de Outes, e das pandeireteiras de Cances, Carballo.
Por último, ao longo deste maio das letras poderase visitar na biblioteca municipal a exposición Canta que cadramos ben, que foi deseñada polo instituto Castelao de Vigo e resultou gañadora dunha das categorías do certame escolar convocado pola Xunta. Componse de dez láminas nas que se destaca ás cantareiras e á poesía popular oral galega.