Influenza Aviar (IA)

Eugenio Romero Senande XEFE DO SERVIZO DE GANDARÍA DA CORUÑA

DUMBRÍA

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De forma recorrente, a nosa sociedade vese afectada por alertas sanitarias, una enfermidade dos animais transmisible ao home -zoonose- un episodio relacionado ca alimentación, as coñecidas crises alimentarias. Na controversia pública mestúranse as opinións dos expertos na materia, solventes e rigorosas, case sempre pouco rechamantes, con opinións que ofrecen solucións milagreiras e rápidas. A influenza aviar é una enfermidade antiga, de sobra coñecida, producida por un virus do grupo de virus influenza que afecta os epitelios das vías respiratorias e, frecuentemente, tamén das dixestivas, cuxa enfermidade máis popular é a gripe humana, por iso a IA tamén se nomea gripe aviar. Unha característica destacada deste virus é a súa capacidade para mutar a distintos serotipos con distinto grao de patoxénese, isto será a causa de que a IA se converterá de repente nun grave problema, con casos de afección a humanos.

A IA está producida polo serotipo A, un virus con baixa patoxénese que as aves silvestres sofren sen apenas sintomatoloxía, comportándose como meras reservas da enfermidade. No ano 2003, en Asia, aparece o serotipo H5N1 de altísima patoxénese. Na actualidade xa se teñen dado casos en todos os continentes. Froito desa variabilidade aparecen no ano 2015 novos serotipos en aves silvestres, con circulación de novas cepas H5N8 e H5N5, todas elas de alta patoxénese para as aves.

As aves silvestres son as principais difusoras desta enfermidade polos desprazamentos que fan nas migracións. O sistema de loita baséase en primeiro lugar impedindo o contacto destas aves cas domésticas establecendo barreiras nas granxas e, os movementos, en segundo lugar mediante un programa de vixilancia con exame permanente e representativo de todo o territorio nacional. Neste sentido son zoas especialmente sensibles aquelas que están situadas cerca dos humidais, lugares nos que se producen grandes concentracións de aves silvestres, son, por iso, zoas de especial vixilancia (ZEV). Preto de nós temos a ZEV do embalse da Fervenza que afecta aos concellos de Mazaricos, Zas e Dumbría.