Un novo tempo para as letras e para o Vákner

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

O Conco, en Dumbría, acolleu a entrega do concurso literario de La Voz

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escuma ou néboa que uniu para sempre a Buserán e Florinda, os protagonistas da lenda da Furna da Buserana, non fixo onte acto de presenza en O Conco, Dumbría, onde o albergue de peregrinos acolleu a entrega de premios da primeira edición do certame Territorio Vákner: Contos de terror no Camiño, un acto posposto a finais do 2020 a causa da pandemia. Ese relato muxián escrito no 1925 por Gonzalo López Abente foi o escollido por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, para falarlles aos rapaces gañadores e aos asistentes de misterio, de amor e de felicidade, «a de estar hoxe aquí convosco». No Conco lucía onte un día «con vida», como o percibiu Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación: deporte, turismo, libros. Convocado por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Concello dumbriés e a colaboración de concellos do Camiño, este concurso dirixido a escolares de quinto e sexto de primaria pretendía non só espelir a súa creatividade, senón darlle unha dimensión literaria ao Vákner, o monstro co que se atopou o bispo armenio Mártiros durante a súa peregrinación, século XV, atravesando Dumbría.

ANA GARCIA

Ben podería dicirse que o día de onte abriu un novo tempo para a literatura e para o propio Vákner. «Dentro dalgúns anos, as sinaturas destes contos quizais sexan aplaudidas e recoñecidas por todo o mundo como o son hoxe por nós», expresou Vilela, que abundou nos parabéns e lembrou como unha crónica en La Voz de Galicia pronosticaba un futuro de arte espléndida para un pintor coruñés que daquela tiña 13 anos. Era Picasso. Non se equivocou aquel xornalista. Pode, por que non, volver repetirse a historia.

Deva Pérez de Leon, gañadora da primeira edición deste certame
Deva Pérez de Leon, gañadora da primeira edición deste certame ANA GARCIA

A pandemia botou por terra todas as propostas de dinamización en torno á criatura medieval, patrimonio inmaterial da ruta xacobea, que con vocación comarcal tiña previstas Dumbría para o 2020. Este sábado, como dixo o alcalde, José Manuel Pequeño, «volvemos empezar». Entende que a importancia e a riqueza do Camiño reside no seu maior valor, os peregrinos, pero sobre todo en que as xentes de alí por onde pasa o itinerario o sintan seu, propio, e ese é un obxectivo que empeza polos máis novos. O Vákner serveu pois de enlace para chegar ás escolas.

«A literatura é moitas cousas. O primeiro, liberdade»

Desexou Xosé Regueira que os pequenos onte presentes sigan escribindo por moitos anos, e en galego. Porque perder o idioma si que sería unha cuestión á que terlle medo, e non tanto así á literatura de terror, na que Galicia ten tradición, desde as lareiras e máis alá: «A literatura é moitas cousas. O primeiro liberdade. Tamén imaxinación, viaxes, entendemento. E vós seredes os grandes artífices da literatura galega e en galego».

Lupe Blanco e Alexandra Suárez, dúas mostras de talento

Ana Barreiro, directora do colexio Montessori Compostela, do que é alumna Deva Pérez de León, a pequena gañadora desta primeira edición, falou na súa intervención de talento. Do literario da estudante, do que teñen proba case cada día, pero tamén do talento en xeral, e do apoio de familia e compañeiros. Un orgullo da comunidade educativa que Barreiro trasladou, celebrando que ese potencial poida chegar a máis persoas con concursos coma este. Falou da primaria como un tempo propio para cultivar estas sementes, unha etapa «para adquirir cultura sen límites». Compartindo ideas de María Montessori, aludiu a que os nenos deben amar todo o que aprenden, e así será cando se lle presenta de xeito claro e belo, cando se lle conmova a súa imaxinación, a paixón, ata chegar a un «amor intelectual». Sementar vida, non teorías. Crear ilusión.

Talento diverso houbo este sábado en O Conco. O literario dos pequenos, pero tamén o artístico da moza dumbriesa Alexandra Suárez Quintáns, quen mereceu felicitacións varias. Para Xosé Regueira foi un «premio» acceder á súa voz. Hello, On my mind e Lela foron moi aplaudidas, como tamén o foi a intervención da regueifeira Lupe BlancoA coristanquesa presentou cos seus característicos versos improvisados, e con ese torgho bergantiñán que ten, as bases de dous novos concursos de misterio Territorios Vákner, convocados novamente por La Voz e Radio Voz, co patrocinio do Concello de Dumbría e a Deputación e a colaboración de concellos do Camiño. Haberá un certame escolar, para alumnos de quinto e sexto de primaria e tamén de secundaria, e outro, como novidade, para adultos maiores de 16 anos. Axiña se abrirá o prazo. Blanco non tivo reparos en dedicarlle estrofas a moitos dos convidados nin tampouco en implicar ao público para cantar con ela parte do trazado do Camiño. Arrincou gargalladas dos presentes.

Os galardoados

Deva Pérez de León, alumna do colexio Montessori Compostela, foi a gañadora deste primeiro certame. O segundo posto recaeu en Cayetana González, do Peleteiro de Santiago. O terceiro, en Julia Abelleira, do centro Agro do Muíño de Ames (na imaxe recibe o seu diploma de mans do alcalde deste municipio, Blas García). Naiara Túñez (centro Santa Eulalia de Dumbría), Zoe Glasscock (Agro do Muíño), Martín Matas (Peleteiro), Carla Canosa (Santa Eulalia), Pedro Crespo (Peleteiro), Paula Martínez (Santa Eulalia) e Asier López (Santa Eulalia) tamén recibiron diplomas e detalles. Participaron no certame 90 textos chegados dun total de 7 centros educativos dos concellos do Camiño a Fisterra e Muxía.