Ciencia, teatro, tecnoloxía, música, maxia, robótica... ¡Dende onte ata o 13!
03 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Dumbría ben merece o título de capital rural das bibliotecas galegas. Con menos de 3.000 veciños, este Concello ten cinco bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (RBPG), algo insólito, á altura, ou mesmo moi por enriba, de grandes cidades. Non obstante, non é só a pertenza, senón a dinamización: «Procuramos que as nosas bibliotecas estean vivas, que teñan moito movemento, que non sexan só contedores de libros», indicaba o venres en Radio Voz Ana Casais, técnica de Cultura e responsable destes espazos. Dicíao ao fío da programación de outono nas bibliotecas, dúas semanas de propostas, dende onte mesmo, ata o venres 13.
Letras e contos, pero tamén ciencia, tecnoloxía, manualidades, música, teatro, monicreques, maxia ou moita robótica, cuxa demanda está en alza, irán pasando polas bibliotecas dumbriesas estas xornadas: sempre ás 18.00 horas, os luns, no Ézaro; os martes, no Conco; os mércores, en Buxantes; os xoves, en Berdeogas, e os venres, en Olveira. Elíxense estas datas de outubro porque, se ben o curso xa vai comezado, son días nos que o público infantil e xuvenil, destinatario destas propostas, aínda non anda metido na voráxine de exames. Dez citas todas elas de acceso libre, e gratuíto, coa única precisión de que nos obradoiros as prazas son limitadas, se ben non adoita haber problema para a participación.
As propostas nas cinco bibliotecas son posibles a través do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Pequenos dende tres anos ata mozos xa de 16 ou 17 poden atopar atractivos nesta nova remesa de actividades que, como se fai en abril, Mes do Libro, dinamizan espazos cargados de creatividade e imaxinación.
A PROGRAMACIÓN, EN DETALLE
- Hoxe, martes 3. Biblioteca de O Conco • A Xanela do Maxín trae contacontos-monicreques: «U-la lúa. Lúa quere viaxar a... Marte». A partir das 18.00.
- Mañá, mércores 4. Biblioteca de Buxantes • A Trastenda dos Contos (Caxoto) ofrecerá «Coas mans na masa», en torno á igualdade. Tamén ás 18.00 horas.
- Xoves 5 de outubro. Biblioteca de Berdeogas • Sesión de música, a cargo de Fran Amil. «Cancións para enredar. Contos...». A partir das 18.00.
- Venres 6 de outubro. Biblioteca de Olveira • Taller de manualidades con Xogando nas nubes: «Crea o teu portalibros. Vive miles de historias». Ás 18.00 horas.
- Luns 9 de outubro. Biblioteca do Ézaro • Obradoiro de robótica educativa con A Nube de Artear. Como o resto das sesións, das seis da tarde en adiante.
- Martes 10 de outubro. Biblioteca do Conco • Velada de monicreques a cargo de Tarabelos e o espectáculo «O traxe novo do rei». Igualmente, ás 18.00 horas.
- Mércores 11 de outubro. Biblioteca de Buxantes • Obradoiro de maxia a cargo de Daniel García, da Escola Galega de Ilusionismo. Taller dende as 18.00.
- Xoves 12 de outubro. Biblioteca de Berdeogas • Nova sesión práctica de obradoiro, a cargo de Átomos. Robótica na biblioteca. Ás seis da tarde.
- Venres 13 de outubro. Biblioteca de Olveira • Obradoiro de experimentos, con Antía Yáñez. «De ciencias ou de letras?», leva por título. Ás 18.00.