
O técnico de Deportes de Dumbría é o animador indiscutible do festival que reúne a un bo número de comparsas. Unha vez máis, sorprenderá
02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.César Ferrío Martínez (Corcubión, 1974), leva máis de media vida como técnico de Deportes do Concello de Dumbría. Pero, chegado o tempo de entroido, todo o mundo o identifica como o gran animador do concurso de Dumbría, agora, e como dinamizador da comparsa local durante moitos anos. Este vai ser o terceiro ano que asuma a presentación, este domingo no polideportivo. A primeira, de Freddie Mercury, e o ano pasado, de Tina Turner. No escenario colleu o relevo do actual alcalde, Raúl González.
—Como vai ser este ano?
—Chamativo. E actual. Vai ser a primeira vez na que o personaxe está vivo.
—Ou viva.
—Si, neste caso, viva [ri]. Ademais, levarei bailarinas comigo, entre elas a miña filla.
—Leva moito tempo con isto?
—Si, levo a voltas co personaxe xa dende o ano pasado, ao acabar o entroido. Dende aquela barallei varios, ata que dei co elixido, que ademais ten unha canción que transmite. E anda a xente polas redes especulando quen será.
«Dende neno sempre me gustou esta festa»
César Ferrío leva case toda a súa vida vencellado ao entroido.
—Cando empezou co entroido en Dumbría?
—Antes do ano 2000, con nenos do fútbol. E no 2000, con nenas do aeróbic infantil, unha comparsa. E dende aí, xa cos de Buxantes, onde xa fixeramos algo cun grupo de mulleres. Buxantes Calidade é do 2003, e botamos uns doce ou trece anos.
—Pero xa lle gustaba participar.
—Si, dende neno sempre me gustou esta festa, cos amigos de Corcubión. Lembro que con 16 anos levaramos o primeiro premio en Cee. Sempre participaba.
—Tiña tradición familiar?
—Non, foi cousa miña, non sei de onde me vén. Debe de ser que me fun animando, porque a xente tamén me animaba.
—E foi vendo medrar o de Dumbría.
—Dende que non era case nada, algo de pouca xente, e mira agora. Unha evolución total en comparsas, medios, cun pavillón insonorizado, iluminación e son espectacular.
—Sempre con boa participación dende Fisterra.
—Si, algo moi positivo, aportan unha nota de calidade, nunca fallan e estamos agradecidos, como ás demais. Curiosamente, eu fun varios anos Rei do Entroido en Fisterra. E a única comparsa de fóra de Fisterra que gañou alí foi a nosa, a do Rei León. Eu agora só participo en Dumbría, non saio, gasto todo aquí.