As Estrelas, a mula, e a feira de Senande

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

DUMBRÍA

FONDO SCHUBARTH - SANTAMARINA / APOI / MPG

25 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha ves, de aló nun sighlo, nun sighlo non fui, que non fui hai muito. Valían muito as mulas, ho. Has de ter sentido aos vellos, que ti vellos tamén os terías. Había unha feira, que se chamaba a feira de Senande, alá para riba, alá, cerca do mar, e eu tiña unha vaquiña neghra...

Así comeza un sucedido, un conto que seguramente foi certo, relatado no 1980 pola señora Estrela de Regoelle, Dumbría, á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. Todo canto contou pódese consultar en liña no APOI, e por se lle interesa saber que pasou na feira de Senande, Estrela acaba contando como se logrou facer pasar unha vaca negra por unha mula: O rabo ca chaqueta e os pés coa lama, María Santísima...

Á señora Estrela, ou a quen fose que fixese semellante venda, seguramente que a pobreza lle tirou do enxeño. Había fillos que sacar adiante, facíano, e iso si que era verdadeiro milagre e non a mutación do animal. En tan só uns días, 6 e 7 de xuño, a Casa da Cultura de Vimianzo acollerá o primeiro foro de liderado feminino Alza voz de muller, testemuñas moito máis contemporáneas de mulleres que colleron o touro —ou a vaca, coma Estrela— polos cornos para, salvando as distancias, ir á feira de Senande.

Pasear polas coplas e os contos do APOI é facelo pola vida dura de moitas mulleres ás que, pese a todo, aínda lles quedaba tempo para a ghracia, para o chiste, para a regueifa ou para coller unha pandeireta. «Preguntarse que fai unha muller unha tarde de inverno, case noite, cunha xeada sistemática día tras día, apañando nabizas ou carolas de nabos para os porcos... Que fai coas mans xeadas e cantando? Pois vida, sáelle vida polos poros», dixo Mini Rivas hai uns días no Couto. Convén saber de onde vimos. Merecen toda homenaxe. A nosa vida vén delas.