Chegan os Reis, e o que pode, regala algo. Un ano máis, pido polo local. Hai que darlle a razón a esas campañas que de vez en cando aparecen polas redes: apoiando ao do lado, apoiámonos todos. Temos moitos e bos comercios a poucos metros. E artigos. En citas como Mercarte vimos obras moi recomendables. Por non falar da artesanía de sempre e que sempre está viva: a oleiría, o encaixe, o liño. O que fan en Aspadex, en Íntegro. Unha escapadiña a un hotel rural da zona, xa que non hai tempo. Unha comida nun dos restaurantes. O que non o fai é porque non quere, porque motivos e sitios si que hai. Un detalle, algo de poucos cartos, ou de moitos, todo axuda. Sei que na dinámica consumista que nos rodea é difícil mudar hábitos, sobre todo con nenos, pero sempre é boa unha primeira vez.
Un libro. Ou varios (só algúns exemplos): Xeixos, de Suso Lista. As parroquia de Coristanco, de Evaristo Domínguez Rial, na colección Embora para a Costa da Morte, que dirixe Xosé Manuel Varela, que tamén editou a José Antonio Andrade. Fisterra, a derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga. As Crónicas de Fisterra, de Roberto Traba. Miro Villar. Oso, mamá, si?, de María Lado. A historia do fútbol da Costa, de Xosé María Lema e Xosé María Rei. A Costa do Solpor do primeiro. O becho que quería comer a avoa, de Rocío Leira. A toponimia celta de Cabeza Quiles, o Proyecto Exitum do seu fillo. Concha Blanco. Ou Parar o mundo, de María Canosa, mellor xunto a Rubicundo, aquel home con paraugas que tanta falta nos fai este días.