![Comparsa de 1917.](https://img.lavdg.com/sc/EcEqNKJ7st_JbY52j7ziOJTwbPg=/480x/2016/01/15/0012_201601CE15C11F9jpg/Foto/CE15C11F9.jpg)
Dun tempo a esta parte os fisterráns acostumámonos a vivir inmersos na polémica, no debate permanente, na indefinición constante. Despois de agardar con máis pena que gloria o desexado cambio de goberno, que se fixo de rogar tres longos lustros, observamos agora a tímida acción dun goberno municipal que, amparado nas boas intencións dos seus actores principais, semella non dar superado a vertixe que provoca a asunción do poder. E é que unha vez superados amplamente os cen primeiros días de graza que merece o novo executivo, cómpre esixirlle agora un pouco máis de acción e ilusión a quen ten o mandato democrático dos cidadáns e goza de toda lexitimidade para actuar e facer mudar as cousas.
Cando falamos de mudar as cousas, de transformar a sociedade ou de impulsar cambios estamos pensando necesariamente en aspectos de carácter social, económico e cultural que favorezan unha relación de maior proximidade entre as distintas administracións e os administrados, a xente de a pé. Pouco importa organizar vinte asembleas noutras tantas parroquias do municipio se, ao final, só asisten o concelleiro de turno, un técnico municipal e algún despistado que pasaba por alí e viu a luz acesa. Os gobernos están para gobernar e para tomar decisións, unhas veces serán atinadas e outras, talvez, non tanto. Porén, pretender agocharse sempre baixo o paraugas da responsabilidade compartida, mediante a convocatoria de xuntanzas veciñais cada dous por tres, non parece serio nin moito menos práctico a efectos dun bo funcionamento da administración.
Non quero dicir con isto que, en ocasións, non sexa necesario -e mesmo se faga imprescindible- contar coa opinión e o respaldo directo dos veciños en asuntos de vital importancia que puideran influír na vida diaria de todos (elaboración do PXOM, impulso do comercio local e dos sectores produtivos, melloras na calidade da educación e a sanidade públicas, etcétera). O que non ten ningún sentido é convocar á xente para decidir se instalamos unha irrelevante pirámide no Cabo, se pintamos de verde as fiestras do consistorio e de azul augamarina os arcos da igrexa ou se cambiamos -e axustizamos sen ningún tipo de remorso- a data do concurso de disfraces do entroido máis tradicional da Costa da Morte, o de Fisterra, con máis dun século de exitosa historia, pasándoo do xenuíno Martes de Entroido na fermosa e cálida praza da Constitución a un insulso sábado no frío pavillón municipal.
Oxalá me equivoque, pero agardo que decisións deste tipo non supoñan a estocada definitiva a un dos grandes atractivos da vida social e cultural da localidade. Os cambios, de se produciren, mellor con sentidiño e cabeza. O contrario pode significar a desaparición definitiva das tradicións que nos legaron os antepasados e que chegaron a nós con todo o seu esplendor e universalidade. As entroidadas mellor o día de autos. Modesto Fraga