
Nesta ponte atopeime en Astorga con tres paisanas. Non me saudaron, pero non por iso foron maleducadas. Foi no museo romano da Ergástula, que reúne os mellores epígrafes atopados en Astúrica Augusta, capital do convento do mesmo nome e parte de Gallaecia.
As paisanas eran dúas irmás, fillas de Coedo: Fusca e Secosilia. Así figuraban na lápida que a segunda lle dedicou á primeira, e deixaron esa mensaxe para a eternidade entre os séculos I e II d.C. Aínda hai unha terceira, por desgraza anónima. Sei que eran paisanos porque eles se definían con orgullo como célticos supertamáricos. Traducido á Galicia actual: que viñan dalgures entre Fisterra e Outes.
Mesmo sabemos que eran do castro Laniobre, traducido por Miguel Costa coma o castro da Cerva. Non admiren especialmente que os nosos paisanos foran comer o cocido maragato: a xente na Antigüidade movíase moito máis do que pensamos.
Conservamos cinco lápidas desta xentiña supertamárica, e ningunha está no seu territorio ancestral. Deberon ser todos emigrantes, exiliados, fuxidos ou todo á vez. O que si sabemos é que non ocultaban a súa orixe. Teríame gustado preguntarlles por que marcharon, que buscaban tan lonxe, onde estaba ese castro da Cerva do que viñan.
E resolver por que os castros destes célticos —hoxe comarcas de Barbanza, Muros e Noia, Fisterra— non teñen trazas de romanización, a diferenza dos veciños ártabros, de Iria ou do Salnés. Marcharían por gusto ou por desgusto? Teríame gustado saber tanto. Pero de Astorga ao final só me trouxen mantecadas.