Chegou o domingo á vila bergantiñá o espectáculo audiovisual con música en directo producido polo Museo do Pobo Galego en tributo á poesía popular, ás cantareiras e ao legado da suíza Dorothé Schubarth
18 nov 2024 . Actualizado a las 12:17 h.O meu neniño é pequeno / heino de aprender a todo / amasar a peneirar-e / a bota-lo pan no forno. A voz de Teresa dos Cucos, sentada entre o público, acompañou levemente a voz de Tania Caamaño cando este domingo pola tarde a moza vimiancesa entoou este canto de berce, ou arrolo, no escenario do centro cívico de Malpica. Un día despois de pasar polo Teatro Colón da Coruña e uns cantos meses máis tarde despois da súa estrea en marzo, o espectáculo 586 cantos chegou á vila bergantiñá como parte do ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña. É unha homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras, protagonistas das Letras Galegas 2025, un tributo con moitísima razón de ser nunha terra, como se dixo antes das intervención, de grandes transmisoras, como as Vellas de Mens, Dolores da Margarida ou a propia Teresa dos Cucos.
586 cantos é un espectáculo audiovisual con música en directo producido polo Museo do Pobo Galego que homenaxea ás voces do Cancioneiro Popular Galego, e sobre todo ao traballo de recolleita e documentación que, a cabalo de finais dos 70 e comezos dos 80, fixo a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth por mil e un recunchos de Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina. Para o Museo do Pobo, 586 cantos, díxose tamén en Malpica, é un xeito de agradecer e dar a coñecer todo ese saber, ese legado que a estudosa, falecida no 2023, entregou a esta institución hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras, das que, unha pequena parte, se incorporan neste traballo audiovisual que o público en Malpica recibiu cun aquel de nostalxia. Os que acudiron, saíron felices, foi unha viaxe sonora dunha hora.
Outra Galicia, outro tempo nesas imaxes que se foron proxectando, pero este actual é fillo daquel. Houbo sorrisos, bisbeos. Escoitouse o galego de Dorothé. Richi Casás, neto e sobriño de dúas das cantereiras homenaxeadas nas Letras, Tania Caamaño, Fran Barcia e Marina Vidal reinterpretan dende a actualidade, con voz, pandeireta, pandeiro, saxo, guitarra, acordeón e violín, aquelas letras, cántigas e coplas que Dorothé legou á eternidade, esas voces de decenios atrás coas que pasaron por Malpica dende regueifa a cantos de berce ou tamén cantos de Reis. E retranca. E celebración!
586 cantos é unha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) que ten detrás da parte audiovisual a Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema. O público en Malpica, e nel integrantes de varias asociacións de música e baile tradicional da comarca e tamén membros do goberno municipal, despediu en pé aos catro artistas que este pasado domingo fixeron de bisagra entre dous mundos. Deberían terse quedado escasas as cadeiras do auditorio.
Como nas foliadas, o que alí sucedeu, alí (e na memoria) quedará.