«Cantareiras» abriu dende Mens o ano das Letras Galegas para a literatura oral: «Aquí foi onde empezou todo»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Icía Varela e Xosé Manuel Varela, autores do libro «Cantareiras»
Icía Varela e Xosé Manuel Varela, autores do libro «Cantareiras» BASILIO BELLO

Xosé Manuel e Icía Varela presentaron o seu libro na igrexa románica da parroquia malpicá, respaldados por familiares e coñecedores das homenaxeadas, ademais de autoridades

23 feb 2025 . Actualizado a las 11:00 h.

Quen sexa de Mens e estivese este sábado na súa fermosa igrexa románica, seguramente teña saído dela co peito cheo. Sentíndose parte da historia cultural de Galicia. Acolleu o templo mapicán, pode considerarse así, o arranque destas Letras Galegas 2025 dedicadas á literatura popular oral, a través da figura das cantareiras. Cantareiras, xustamente, é o título do libro (Xerais) de Xosé Manuel Varela e Icía Varela, malpicáns, e cuxa presentación foi o motivo que este 22 de febreiro levou a moitos a achegarse ata a igrexa. O simbolismo do acto quedou patente coa nutrida congregación, mais tamén coa presenza de autoridades como o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez: «Mens, Malpica, toda esta comarca... Seremos dende a Xunta os encargados de posicionarvos por Galicia enteira. Este ano Mens estará en todos os lugares, rendendo homenaxe a quen fixo posible que hoxe falemos a lingua que falamos, e teñamos a cultura que temos. Hoxe facemos arrincar un ano dedicado á tradicional oral, ao máis forte e auténtico, porque o que elas facían non o facían porque o leran ou porque o estudaran, senón por lles saía de dentro, e iso non o poderemos pagar nunca (...) Temos que aproveitar este ano para facelas grandes a elas, facer grande a Mens e a todo o que conseguiron», expresou o secretario xeral cando xa se achegaban as case dúas horas de presentación. Será un ano de libros, de documentais, de teatro, de moitas iniciativas, mais todas susceptibles de enriquecerse coas achegas populares e de vecindade: «Calquera detalle, obxecto, do que nos poidades informar, será benvido, e agradecido». Todo, co ánimo «de facer grande o pobo galego a través delas».

As elas de Valentín non eran outras que as Pandeireteiras de Mens, obviamente protagonistas na casa este sábado: catro serán finalmente as homenaxeadas, Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda, convertendo Malpica no único municipio galego con catro figuras obxecto da dedicatoria das Letras Galegas e todas elas mulleres, poetisas populares, en apreciación de Xosé Manuel Varela: «Este ano a Real Academia honra a quen inspirou a Rosalía ou a Curros Enríquez». El e Icía, como xa avanzaron en La Voz de Galicia hai uns días, teceron un libro (do que xa foi preciso ir pola segunda edición) a base de darlle voz aos informantes, documentando así o entorno e espazo etnomusical de cada unha das sete homenaxeadas. É por iso que a presentación en Mens tivo tamén voces distintas ás dos autores, converténdose, en palabras da edila malpicá de Cultura, Noelia Freijeiro, en «celebración da música e da identidade». «As pandeireteiras son memoria, son identidade e son resistencia, é a nosa responsabilidade seguir cantándoas», engadiu. Deu exemplo, porque ela e Icía abriron e pecharon o acto pandeireteira en man, elixindo para o final Pasodobre de Mens. 

Icía Varela e Noelia Freijeiro, pandeireta en man
Icía Varela e Noelia Freijeiro, pandeireta en man BASILIO BELLO

Acudiron este sábado familiares dos bailadores e tocadoras da parroquia, mais tamén tres fillos da muxiá Eva Castiñeira, natural de Agranzón, outro dos nomes propios destas Letras Galegas 2025. Con Juan José, Pedro e Luís presentes repasouse parte da traxectoria vital e musical de Eva, de como chegou a ser gravada para o disco Recolleita (Ruada) e de como chegou a ser tamén, xunto coa súa irmá Engracia, as primeiras pandeireteiras en subir a un escenario cun grupo folk (1981). Na Coruña, con Milladoiro, nun pavillón de deportes cunhas 4.000 persoas de aforo, e practicamente cheo. Cousas da vida e cousa do talento tamén, que sempre se abre paso: «Non coñecía a Eva, pero a súa voz namoroume, como aínda tendo ido de ben nova para a cidade, conservou esa forma de falar e cantar de Agransón», explicou Icía. E como a tradición é cousa de ir pasando de uns aos outros, conseguiu convencer ao público para animarse co retrouso dunha das melodías máis coñecidas da muxiá, empregada por Pinto d'Herbon anos e anos nas súas regueifas. 

BASILIO BELLO

Hai a veces na vida felices coincidencias, e Xabier Díaz García, outra das voces deste sábado en Mens, tivo alomenos dúas na súa. Non é o Díaz pandeireteiro, senón un Díaz de grande saber musical e coñecemento de Milladoiro que naquel concerto de Eva e Engracia andaba polo público e fixo un retrato para a historia. O mesmo Díaz que cando anos antes as Vellas de Mens debutaron no Teatro Colón (1972) era apenas un adolescente que quedou impactado, polas voces, polos xeitos de tocar, polas roupas: «Aquilo foi algo moi grande, aquelas mulleres podían ser miñas avoas». As preto de mil butacas estaban ateigadas. 

Fala Xosé Manuel Pensado, presidente de honora de Aturuxo
Fala Xosé Manuel Pensado, presidente de honora de Aturuxo BASILIO BELLO

As Vellas de Mens tiñan «algo». Díxoo Xosé Manuel Fernández Pensado, presidente de honra da agrupación folclórica Aturuxo, aquela na que, da man de Manuel Cajaraville e tamén del mesmo, formaron parte uns vinte anos, xirando por Galicia e por fóra dela. Mesmo cruzaron xuntos o Atlántico. «Para min é un pracer inmenso e unha honra estar aquí en Mens. Case que me podo considerar fillo adoptivo. Levo vindo dende o 1973», dixo Fernández. Coas pandeireteiras e coas súas familias forxouse un enorme vínculo de afecto que o levou a emocionarse en varias ocasións: «Elas marcaron un antes e un despois na nosa música popular. Foron vivencias inesquecibles. Agora recoñécese, por fin. Nos seus tempos non se lles daba importancia. Sacaron a flote a nosa tradición, o que eramos, a nosa esencia». Sen Aturuxo as de Mens non terían tido a proxección que tiveron. E así puideron chegar a ser, co paso dos anos, «unha nai galiña á que lle están saíndo pitiños constantemente», afirmou Isabel Quintela, actual presidenta da agrupación, en alusión a toda as formacións musicais actuais que toman como base o tradicional. Quintela, xunto con Cajaraville e Fernández, tamén foi a Mens en moitas ocasións para as recollidas. Non perdeu en ningún momento aquel «arrepío» inicial: «Foron pioneiras. Haberá moitas en Galicia, pero elas tiveron a oportunidade. Sen elas todo isto teríase perdido». E puido ser así, agradeceu tamén Pensado, por esas familias e eses homes que, malia habitar unha sociedade machista e ter que escoitar algo de todo, nunca puxeron reparo en que as súas donas percorresen mundo sobre o escenario. 

BASILIO BELLO

Cantareiras é, de xeito indirecto, tamén unha homenaxe á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, falecida no 2023. Xosé Manuel e Icía percorreron os pasos que ela deu por Malpica, poñéndolle nome e apelidos aos informantes. Unha das paradas máis produtivas no seu percorrido por Galicia buscando música de raíz, ano 1980, estivo na Vila da Igrexa, Cerceda, de onde son Rosa e Adolfina Casás, outras dúas das cantareiras homenaxeadas nestas Letras. Xotas, muiñeiras, valses, cantos de Nadal e de Reis... todo iso quedou rexistrado delas por Dorothé, gardado para que voces como a de Icía poidan entoar agora cántigas como Bota leña nese lare, anque sexa toxo macho, que van entrar a bailar-e, a pulga e mailo carracho... E se cantaban, cantaban por algo, por un contexto. A «maxia» tiña unha razón de ser. No caso de Mens, viña dunha parroquia con enorme tradición oral, dende as comparsas de entroido ás regueifas. «No ano das cantareiras tamén hai que lembrar toda esa riqueza», reivindicou Varela. O libro é un compendio de todo iso e tamén «un paso máis», sinalou Eduardo Parga, alcalde de Malpica: «É algo moi grande para Malpica que Xunta e Real Academia elixisen o noso municipio para os actos centrais do 17 de maio. Esperemos que ese día non se colla en Malpica para darlle o recoñecemento que merecen as nosas pandeireteiras, xente adiantada ao seu tempo. Será unha festa máis alá dun día, unha festa que dende o Concello queremos estender a todo o ano». A cita deste sábado xa foi unha proba, e máis que veñen por diante.