
De herdanza roxa, o feminismo marcou un antes e un despois na miña vida
02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Son unha muller froito das circunstancias. Os meus pais coñecéronse por causa da guerra do 36: el, natural de Ancares, sufriu a represión franquista e a prisión ata finalmente aterrar en Malpica, onde tiña familia, e acabou coñecendo a miña nai, que xa era barbeira en Corme. E tamén en Corme nacín, porque a parteira e mais miña avoa Mamalela alí residían, que aínda non era moda ir ao hospital dar a luz. Crieime
na Trabe polo traballo de meus pais, aprendendo o alfabeto e as contas no encerado e na mesa da barbería da miña nai, caso excepcional naqueles tempos de mulleres reprimidas, e xogando coas mesmas amigas que conservo a día de hoxe. A estas débolles moito do que son e unha amizade fondísima que me serve de apoio na vida (grazas, mozas). Tamén alí medrou a unión cos meus irmáns, nomeadamente coa miña irmá, que para iso eramos as dúas nenas da casa.
Logo veu a escola, primeiro na unitaria da Trabe e logo no colexio, onde algúns mestres e mestras asentaron a miña vocación (grazas infinitas, Fina Rey), o instituto, a universidade na Coruña, onde coñecín a Paco Souto, e mais en Santiago. Nesa época encetei a actividade social e política, o compromiso real co meu entorno nese fervedoiro de actividades, cultura e batalla política dos 80. Finalmente chegaron as oposicións e o mellor traballo do mundo se tes vocación: a docencia, o primeiro ano en Santiago e logo o destino en Muros, de onde gardo gratísimas lembranzas daquel miradoiro que era a miña terraza en Miraflores.
A enfermidade da miña nai regresoume á Trabe e tiven que abandonar con moita tristura Muros, e o traballo do meu home no Cornecho acabou levándonos uns anos máis adiante para Malpica, onde pouquísimo despois chegaron os meus fillos. Criáronse malpicáns ata a raíz malia teren nacido fóra, un deles a maís de 16 horas de avión, que se di moi a correr. E é que a xente de Malpica nace onde lle peta, coma o do chiste aquel.
Muller eterna
A medicina rescatoume, unha e outra vez, dunha morte segura; xa me abriran e coseran o corazón no 76 (deporte de alto risco), e isto imprime carácter: ou te afundes ou te volves forte para compensar tanta febleza física. Xa dicía o meu compañeiriño no camiño da vida que filla de chatarreiro, muller de segunda, pero que muller enferma, muller eterna. Polo visto acertou.
De herdanza roxa por parte de pai e nai, o feminismo marcou un antes e un despois na miña vida, esa idea tola de que homes e mulleres deben ter os mesmos dereitos e deberes.
Asumo como lema o verso de Paco Souto «a vida sen paixón é puro trámite», e téñoo como guía do camiño. Non deixar o mundo, a vila, o entorno, un pouquichiño mellor farianos a todos aínda menos cousa, insignificantes e sen sentido. Proba diso son as numerosas asociacións de xente desinteresada da miña vila, incluída a asociación cultural Caldeirón á que pertenzo.
Adopción
O mundo da adopción (nacional e internacional por pasaxe verde) e aínda máis o do acollemento, toda a xentiña que nestes procesos coñecín, demostroume, por se non houbese proba abonda, que o nacemento é unha circunstancia que marca todo o demais, que nacer no lado queimado da tortilla delimita terriblemente as nosas posibilidades, que a xustiza social é o maior dos nosos retos.
Xubilada (que non retirada) por motivos médicos, o ensino foi durante 35 anos o motor da miña vida, o que máis me fixo rir, o que me aportou a estabilidade, enerxía, e unha continua aprendizaxe. Nunca terei palabras abondas para agradecer ao alumnado e as súas familias todo o ben que me fixeron, mesmo no peor momento, cando quedei orfa do meu compañeiriño. Velos medrar e voar, coma cos fillos, é a mellor das experiencias.
Precisamente o alumnado asentou a idea que tiña eu de sempre respecto ao que resulta realmente relevante nos seres humanos; nin a beleza, nin os cartos nin a memoria nin outras cualidades herdadas por xenética ou familia me impresionan, só a capacidade para tomar decisións propias para ser mellor persoa e modificar o entorno para ben me admira.
Política
Tamén son un animal político, antes na luz como concelleira en Malpica e Ponteceso e agora máis afastada: non tomar partido con respecto ao que sucede no mundo e criticar sen aportar vén sendo a pobreza moral absoluta, sobre todo nestes tempos de bulos e mentiras, de Trumps e «fakes». Fun a primeira muller concelleira no pleno de Ponteceso, no ano 2003. Case 30 anos despois de rematada a ditadura, nada menos. A clase política non é nin mellor nin peor que calquera outro sector: é un espello da sociedade, así que óllate ben antes de sinalar co dedo. E coma en calquera outro contexto, nin todas nin todos son iguais.
Algúns apuntes biográficos
Emma Abella Cruz iniciouse na política moi nova, en 1983. No 2003 foi elixida concelleira polo BNG no Concello de Ponteceso. Máis tarde ocuparía o mesmo cargo en Malpica, onde tamén foi responsable de comunicación do Bloque Nacionalista Galego. A nivel profesional é profesora de Lingua Galega xubilada e formou parque do equipo directivo do instituto de Ponteceso.