
Onte inaugurouse o asento deste lugar muxián tan singular xeograficamente
19 oct 2015 . Actualizado a las 12:00 h.Existen na Costa da Morte lugares onde, dalgunha maneira, pousa a terra. Lugares que son un mundo en si mesmos, porque o gardan dentro todo. Un deles é Touriñán, en Muxía. Ademais da súa beleza, ten o valor engadido de ser o punto de despedida do sol na Europa continental durante dous meses ao ano, froito da súas coordenadas xeográficas. Tendo en conta este aliciente, dende onte, e baixo a organización do Concello, este mundo particular de Touriñán ten inaugurado o seu «mellor banco». É algo que vén ao fío do «mellor banco do mundo», supostamente o de Loiba, en Ortigueira. Ata Touriñán acudiron na mañá de onte o alcalde muxián, Félix Porto; o físico baiés Jorge Mira e o xornalista Santiago Garrido -os tres estaban presentes na tormenta de ideas logo do pregón da Barca que derivou nesta instalación-. Tamén se achegaron edís, veciños, o historiador Antón Castro e o exalcalde Jesús Barrientos, entre outros, a maiores do construtor ou responsables das forzas de seguridade locais. O banco agardaba tapado e cun cordón pola estrea, que xa fora posposta por mal tempo. De pedra labrada, fixado na terra e orientado cara o mar e á fermosa posta de sol que agasalla este recuncho, leva inscrito Cabo Touriñán, as coordenadas e a lenda do que significa e do que marca ese banco: «Punto máis occidental da España peninsular». Pode lerse en castelán, galego e inglés. Jorge Mira abundou no tesouro que implica esta singularidade xeográfica de Touriñán e dixo que a súa posta en valor non só terá repercusión para Muxía, senón para toda a Costa da Morte. Sinalou ademais outras intervencións que poderían seguir a esta, como a instalación dunha pequena columna que marque a distancia do punto muxián con outros puntos do mundo e tamén unha rosa dos ventos. Félix Porto citou algunha que outra mellora posible en carteira. Agora, Touriñán xa ten o mellor banco do seu mundo.