Boas noticias para os libros

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

MUXÍA

29 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Apoiado nos muros do santuario da Barca de Muxía, aló polo mes de febreiro, Víctor del Árbol confesáballe a un xornalista unha frase redonda que lle tiña dito seu pai: «Chaval, vivir es un oficio jodido». Unha profesión de mollarse, sobre todo cando veñen mal dadas. Escribir tampouco é cousa de andar seco, aínda que o pareza. Del Árbol gañou o Premio Nadal con La víspera de casi todo, unha novela que paga a pena ler por moitas cousas. Porque tira de remorsos, porque está ben contada e, para os de aquí, porque soubo captar de fondo o carácter dunha Costa da Morte que o inspirou, condensándoo nun lugar de nome Punta Caliente. Hai frases de del Árbol que ben puideron ser tomadas mirando os ollos dos mariñeiros reunidos en Laxe para o Simulacro do Naufraxio hai tan só uns días. Por exemplo. A comarca tense revelado como fértil territorio de creación e, polo que parece, do outro lado tamén hai unha contrapartida. Calcúlase que unhas 5.000 persoas visitaron a última edición da Praza dos Libros de Carballo, das que 1.300 participaron activamente nas súas actividades. O domingo do Pan de Carballo repartíronse nada menos que 300 moletes (e sen libros non se entrega miolo). As vendas subiron un 12 % con respecto ao 2015 e, de todas elas, o 58 % foron en galego. Por riba, vén de saberse que, o ano pasado, a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo foi a quinta a nivel galego do sistema Meiga -ferramenta que automatiza a xestión de fondos- que tivo máis empréstitos, segundo a estatística da Rede de Bibliotecas de Galicia. Volvendo ao pai de del Árbol, seguramente diría que escribir é menos fastidiado (por non repetir jodido) cando alguén te le. E si que len. O bicho das letras medra.