In Memoriam | Nunca hai bágoas dabondo á hora de enterrar a un esposo, pai ou irmán. Escribe a familia de Wenceslao Sar, Vituco
19 oct 2025 . Actualizado a las 16:38 h.Nunca hai bágoas dabondo á hora de enterrar a un esposo, pai ou irmán. Ningunha dor pode ser tan profunda. A familia Sar Romero quere agradecer profunda e sinceramente o apoio que recibimos na despedida do noso querido Vituco. A vosa presenza foi un gran consolo e alivio para nós nestes difíciles momentos.
Grazas polas vosas amables palabras e xestos de cariño. Grazas aos que viaxaron de tan lonxe para asistir ao funeral: desde Euskadi, Asturias, e desde Burela a Marín; desde Muros, Cedeira, Cariño ou A Coruña, desde a Costa da Morte en pleno... Todos eles amigos de pesca e compañeiros de batalla no mar. Grazas tamén aos que expresastes o voso pesar a través do teléfono, das mensaxes de texto ou das redes sociais.
A vosa cercanía foi a testemuña do amor e do respecto que Vituco logrou cultivar ao longo da súa vida. El amaba a vida. E vida quere dicir a súa familia, os seus amigos, o seu traballo, os seus barcos. A súa lealdade, xenerosidade e a súa bondade permanecerán nos nosos corazóns. O seu legado vivirá en cada un de nós. Aseguran que o tempo todo o desfai, que todo o borra, pero mentres vivamos, nin o tempo nin a morte poderán arrebatarnos o amor que sentiamos por Vituco. Hoxe no noso pensamento navega Vituco; os días felices do pasado, os días de marea ou as anécdotas. Como cando na última Barca, xa estando gravemente enfermo, quixo que os seus barcos estiveran nas festas. Deixaron a campaña do bonito; el mesmo púxolle o código de bandeira aos dous barcos e o domingo antes da traca arrancou os motores para tocar as bucinas dos dous.
Non temos motivos para compadecelo, si, en cambio a nós mesmos por perdelo. Ninguén poderá reemprazalo. A partir de agora a quilla do Cuca e do Itoitz partirán en dous a súa memoria. E as ondas baterán con ela os costados dos barcos. Para honrar esa memoria informamos que a misa de saída por Vituco será o vindeiro domingo 26 de outubro, ás 18.00, no santuario da Barca.