Culturgal, Escola de Inverno e máis coa Fundación Pondal

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

PONTECESO

Ana García

A entidade divulgará a 40.ª edición das Festiletras neste encontro en Pontevedra

26 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun mércores no que o grupo de teatro da Casa da Muller, as literatas Concha Blanco e María Canosa e o dúo Caamaño&Ameixeiras argallaron «unha sesión moi educativa» para o alumnado do colexio Eduardo Pondal, a fundación que leva o nome do bardo segue a anunciar novas propostas. Alomenos dúas máis, a maiores da visita televisiva prevista para esta tarde na que a Casa da Muller participará con artesanía, cantareas e música.

Así, esta fin de semana, e grazas ao apoio da Deputación e do Concello de Ponteceso, haberá en Culturgal un estand onde a Fundación Pondal dará a coñecer a que será a 40.ª edición do Festiletras. «Cos deseños de Adrián Varela e a presenza física de Yago Espasandín e Aida Pérez darémoslle máis visibilidade ao noso proxecto que recolle os versos do bardo Onde vin a lus primeira para dar a coñecer a nosa procedencia. Unha folla impresa de xornal ilustrada e cos textos de Julia Ures serán a mostra palpable do evento», informan sobre a prenseza nesta feira de industrias culturais na que se verán moitas mostras de talento. A fundación, doutro lado, vén de abrir a inscrición para a Escola de Inverno do Espazo Educar: para anotarse, os sábados de mañá, no Couto. Será unha vía de conciliación e aprendizaxe no tempo de descanso escolar, agora que se achega o Nadal.