Este domingo tocan Os Bardos!

TONI GARCÍA DE SEÁREZ ONDAS QUE VAN E VEÑEN

PONTECESO

Os Bardos de Ponteceso, en una imagen tomada en el año 1967 delante del castillo de San Antón, en A Coruña.
Os Bardos de Ponteceso, en una imagen tomada en el año 1967 delante del castillo de San Antón, en A Coruña. ARCHIVO MENDEZ TORRADO, LIBRO «A MÚSICA EN CORME»

En Brantuas preséntase un libro sobre música e músicos, obra de Gabriel Varela Pose

03 sep 2023 . Actualizado a las 19:15 h.

Se non hai ninguna novidade, nin un ataque a baioneta, este domingo, alabado sexa santa Cecilia!, Bergantiños vestirá as galas da nostalxia, onde os abrazos serán fortes e ruidosos con incontida emoción. Vai levarse a cabo na Casa dos Veciños de Brantuas, verso e terra do noso bardo poeta, a presentación do libro de Gabriel Varela Pose Músicos de Brantuas e Niñóns como unha homenaxe ao grupo musical autóctono Os Bardos. Unha estupenda ocasión para rememorar aqueles felices anos sesenta nesa Galicia pobre, honrada, humilde e inocente.

Mais nesta ocasión poderemos comprobar que os agasallados profesionais xa non teñen as súas cabezas cubertas por aquela espesa piloridade que, impregnada de brillantina e fixador, brillaba rutilante sobre os humildes palcos de madeira enxebre, cubertos con lona de camión e alumeados por bombillas de 20 vatios.

Sempre unha inocencia chama pola outra. Como decía Otero Pedrayo: «Deus fala pola boca dos nenos para consolo dos homes». Hoxe quero ser, vencendo o tempo, un neno calquera en cuxos ollos se reflicte a miña nenez, que é o mesmo que dicir a aldea, a paisaxe e tamén o espírito da terra docemente engaiolada no meu corazón. O recordo lévame a aquelas festas e romerías bergantiñás nas que os veciños non só celebran algo, senón que se celebran a si mesmos co espello da identidade e da tradición milenaria.

No adro da igrexa de Sofán, quen isto escribe, sendo cativo, cimento e introvertido, bailou coas nenas do seu tempo. Esas mociñas que agora, nese mesmo adro, sentadas ao pé do vello cruceiro, miran para a agromante xuventude con sorrisos bondadosos nos beizos e escintileos melancólicos nos ollos.

Polo San Salvador de Sofán sempre se facían festas moi custosas: boa misa, bo sermón, procesión con todos os santos en ringleira, bos xantares e, chegada a tardiña, verbena e baile agarrado. Recordo que, ás 12 xustas da mañá, estoupaba unha ducia de bombas de palenque que espallaban pola aldea unha atmosfera festeira. As mozas camiñaban máis lixeiras, os vellos estreaban boina, os mozos volvíanse máis tolos, os pobres mendigaban ás portas o pan da caridade cunha cazoliña vella na man esperando un pouco de sopa fumeante e os rapaces agardaban impacientes a que aparecera a orquestra que chegaba ao poñerse o sol

?Hoxe tocan Os Bardos ?berraba un mocete desde o valado da leira de Ribeiro.

O palco da música estaba diante da casa do cura, o fondo do campo chairo de terra, alumeado con bombillas amarelas e banderíns coas cores de España abaneados polo vento. As parellas bailaban mazurcas, valses, rumbas, boleros e pasodobres entre a poeira e alguna pelexa que solucionaba outra parella, a da Garda Civil, mentres desde o palco da música Amancio, o neno da orquestra, miúdo, feble, peiteado coma un anxo, cantaba «doce cascabeles…»

Pero Os Bardos, como mandan os canons da época, tiñan outro cantante. Un mozo gallardo, ben plantado, espabilado e simpático que ía dedicando os seus cantares a uns e a outros, mais, en certa ocasión, cando xa non tiña na súa lista de repertorios máis dedicatorias, dixo: Los Bardos van a dedicar la próxima canción a la pareja más simpática del baile… la de la Guardia Civil. Para ellos el pasodoble «Paquito el Chocolatero».