
A celebración pontecesá inclúe artesanía dende os primeiros tempos. Este ano volve o Mercado da Deputación e tamén a Xunta patrocina tres obradoiros a través da Fundación Artesanía de Galicia
29 ago 2024 . Actualizado a las 00:03 h.A 42.ª edición das Festiletras do Couto, entre este venres 30 de agosto e o domingo 1 de setembro, traerá canda si tamén a 42.ª edición da Feira de Artesanía desta aldea. Letras e produto artesán sempre foron da man, dendo comezo. Volverá tamén nesta nova entrega o Mercado da Deputación da Coruña. Entre as 11.30 e as 20.30, os tres días, máis de 50 artesáns exhibirán e venderán os seus produtos en estands situados en rúas, cabanotes e eiras da aldea pontecesá.
«Os visitantes terán a oportunidade de descubrir unha ampla variedade de artesanías, que incluirá ourivaría, cerámica, olería, encaixe, cestería, coiro, forxa, téxtil, arranxos florais, artes gráficas, cerería e bixutería, entre moitos outros. Este evento presenta unha oportunidade única para apoiar e descubrir o talento dos artesáns e artesás. Desde a primeira edición das Festiletras, a artesanía ocupa un lugar central, destacando a importancia de promover e preservar os oficios tradicionais como formas esenciais de expresión da nosa identidade cultural», trasladan dende a organización.

Tamén a Xunta de Galicia impulsará nas Festiletras a divulgación de artesanía da comunidade. Así, a través da Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, patrocinaranse tres obradoiros para o público infantil, impartidos polas artesás Elena Ferro, Leonor Díaz (Como pez en el agua) e Rosa Rodríguez e dedicados á elaboración de zocos, pintura sobre madeira e redes, respetivamente: de 11.00 a 13.00 horas.