
Uxía Varela dirixe a iniciativa que este agosto levou ao Couto, Ponteceso, a 450 nenos e nenas
01 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Un punto de inflexión, un antes e un despois». Así valorou Uxía Varela, directora, a 43.ª edición da Escola de Verán que vén de concluír na aldea do Couto, Ponteceso, promovida dende a Fundación Eduardo Pondal. Foi un agosto singular, por eses lumes do comezo, mais sobre todo pola forza coa que volveron rapaces e rapazas nun ano de récord: 450 crianzas. «Eramos 430 ao inicio, pero comezou a vir xente aloxada nos arredores, de Inglaterra, Francia, Formentera... E quen lle di que non a un neno?», contou Uxía o venres en Radio Voz, na derradeira e emotiva xornada desta Escoliña.
Antón Lestón, condutor de Voces de Bergantiños este último mes, elixiu a peza musical Tataravoa, de Fillas de Cassandra, para comezar a conversa, e Varela considerouna do máis axeitada: «Os nosos devanceiros estarían contentos de ver O Couto con tantos nenos e tan bo ambiente como houbo este mes. É unha sorte que temos».
Explicou que semellante loxística é posible grazas aos 46 monitores plenos de «disciplina, bo facer e ganas de dedicar o seu tempo», ao voluntariado sénior «que nos fai o traballo duro e o camiño doado coas entradas e saídas de coches e nenos», e, dende logo, coa implicación da veciñanza: «Non tería sentido ningún facer isto sen eles. A xente do Couto abre as portas das súas casas, alprendes e cabanotes para estes rapaces. Foi algo que comezou na pandemia, separando por grupiños de idades como agora seguimos facendo, e resultou idóneo. Espazos diferenciados e actividades en común. Nunca lles falta aos nenos un vaso de auga ou un baño ao que ir, e iso tamén os leva a ser agradecidos», narrou Uxía.
Sobre o que diferenza esta escola e a fai punto de atracción para nenos de toda a comarca e fóra dela, a directora sopesou: «Levamos a tradición ao día de hoxe. Horta, animais, natureza... Temos tempo para todo, e para o que no día a día non fan. Deixamos o interior para buscar unha vida fóra, para que experimenten, toquen e vivan, que fagan súa a aldea. A nosa meta é achegalos á realidade rural. Aspectos ou palabras para pequenos e pequenas que xa non teñen contacto con elas: Pasádelle o caravillón á porta (...), esperámosvos na lareira». Ata o ano que vén!