«Vivimos nun lugar con moita historia e así o tratarei de contar»

VIMIANZO

alvite

Natalia Lema Otero, a pregoeira das festas de Baíñas, ten só 17 anos e define como «un orgullo» que os seus veciños decidisen chamala para dar o pistoletazo de saída ás celebracións

31 ago 2017 . Actualizado a las 13:16 h.

Natalia Lema Otero debe de ser a pregoeira máis moza que se recorda na Costa da Morte. Ela, natural de A Gándara, en Baíñas, será a encargada de abrir oficialmente mañá, ás 20.30 horas, as festas da súa localidade. Ten só 17 anos, vén de rematar a súa formación como auxiliar administrativa no instituto Terra de Soneira de Vimianzo e agora cursará o ciclo superior de Administración e Finanzas. Baíñas non é só a localidade á que foi ao colexio, senón tamén a localidade na que medrou e á que a unen todos os seus recordos, de aí que se declare contenta: «Que os meus veciños confiasen en min para ser a pregoeira é todo un orgullo», afirma. Tamén responsabilidade, porque asegura que aínda que lle gusta falar en público e a oratoria, non ten experiencia nisto dos pregóns. Natalia Lema é a autora de Baos, obra publicada o ano pasado e que conta a historia da parroquia mazaricá de Os Vaos e, máis concretamente, das aldeas que ficaron somerxidas trala construción do embalse da Fervenza. Xa daquela, cando o seu libro saíu á luz, dende a comisión de festas faláranlle de ser pregoeira, una proposta que fixeron firme hai cousa duns meses. Dende entón vén reunindo ideas e tamén atendendo consellos de amigos, como o de incorporar bromas ou o de apostar por un discurso espontáneo -aínda que planificado-, que conecte coa xente, cercano e «sen artificios». Así tratará que sexa, «natural». Haberá recordos, porque son moitos os que garda de nena, tamén destas festas: «Esperar o día con ímpeto, ir mercar o pan, os doces, logo á misa, á verbena... Ao fin e ao cabo son os días grandes de Baíñas nos que todos nos reunimos», conta.

Será, pois, un pregón para o divertimento, pero tamén para estar ben atento: «Vivimos nun lugar con moita historia e así o tratarei de contar, dende o pouco que sei eu. Moita xente vive aquí pero non é consciente, por exemplo, da gran historia medieval que ten Baíñas. Falarei tamén desa ruta [xacobea] pola que loitamos, ou tamén das tallas dos santos», avanza. Todo ten o seu pouso nas celebracións e en que como foron avanzando ao longo dos anos. Para coñecer máis das palabras que ten preparadas Natalia non quedará outra que achegarse mañá ata a Praza. Asegura ter «todos os nervios do mundo», pero agarda saír adiante neste seu pregón, o segundo da historia destas celebracións.