«Debemos coñecer o que temos ao lado»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Vimianzo, que vén de publicar unha obra gráfica coa súa historia, agarda un verán intenso. Fala a edila Marta Rey Lema

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No medio dunha desbordante actividade cultural e de novos proxectos, o municipio de Vimianzo agarda xa polo Asalto ao Castelo, o primeiro sábado de xullo. Tamén, por todas as actividades paralelas que leva a canda sí esta festa. Marta Rey Lema (A Piroga, Bamiro, 1978), concelleira de Cultura e Deportes, explica que andan cos últimos preparativos para os pinchos irmandiños previos ao día grande e mais cos da Legua Irmandiña, prevista xa para o 30 de xuño. Ela é unha das fieis desta celebración: «Para min o Asalto é a festa do ano. É a miña festa. Se non hai Asalto non hai verán», asegura a edila. Ao longo de todo ano hai programación estable en Vimianzo. A Casa da Cultura é un centro de actividade que dá cabida tamén a compañías e rostros recoñecidos, funcións que van chamando moito público. Agora, vén o verán.

-Veñen de presentar a obra «Unha historia gráfica de Vimianzo», proxecto impulsado dende o Concello. ¿E esta idea?

-O alcalde [Manuel Antelo] levaba xa moito tempo dándolle voltas. El sempre falou de que precisabamos un libro de Vimianzo, pero non algo tocho, como se soe dicir, senón un libro que relatase de xeito ameno a historia de Vimianzo e a historia de Galicia, ó fin e ó cabo. A idea era ter, pois, un libriño que tocase unha liña do tempo dende hai 2.000 anos ata agora. E que tocara, tamén, todas as parroquias de Vimianzo, porque temos 14 e todas con historia e patrimonio. Un día ocorréuselle: ¿E por que non un cómic? O cómic non é só necesariamente para nenos, porque aos adultos tamén nos gusta, así que se estivo mirando como facer e como incluír todo iso que se quería. Logo, encargámosllo a Rubén Rial, que sabemos que debuxa moi ben, e apoiado polo divulgador Manuel Rial, pois fixeron así un traballo conxunto.

-Rubén participa tamén co seu traballo nunha das visitas que se ofrecen para escolares no castelo. ¿Que foi primeiro?

-Si, A visita ilustrada. Primeiro foi a idea do cómic [ri], pero levou máis tempo. Quizais de aí xurdiu despois o outro.

-¿E a selección de intres ou acontecementos históricos? Resumir 2.000 anos non semella doado.

-Fomos mirando un pouquiño para que saíran todas as parroquias e todas as épocas. Megalitismo, castros, petróglifos... A estela vitoriana de Tines, o ataque dos piratas, o mosteiro de Baíñas, o feudalismo en Berdoias, os franceses na Reconquista, a Faguía, os Batáns, a feira da Piroga, o embalse, Carantoña e a central de electricidade... Acaba cunha visita de nenos, nos tempos actuais, ao castro das Barreiras, algo que acabamos de facer na realidade con Tito Concheiro.

-¿Detectaban que había que poñer un valor unha historia que vai máis alá do castelo? ¿De que se coñecese máis na veciñanza?

-Si, a veces descoñecemos o que temos preto da casa. Poño o exemplo de Cereixo. Sabemos que está a traslatio, pero tamén hai que contalo aínda. O rei Afonso IX estivo en Cereixo e a xente ten que saber quen foi ese rei. É, como dicía o alcalde na presentación, unha clase de historia. Estamos presentes en datas e acontecementos importantes. Os veciños debemos coñecer aquilo que temos ao lado, deberiamos, para estar orgullosos do noso.

-¿Pódese mercar a obra?

-Esta é unha edición limitada que fixemos en colaboración coa imprenta da Deputación. De momento non está á venda, senón que é para agasallo. Os que asistiron á presentación levaron un exemplar e hoxe [por onte] tamén xa veu xente solicitalo ao Concello. Nestes días, aproveitando que se pecha o curso escolar, pois repartirase aos nenos das unitarias e dos colexios de Vimianzo e Baíñas, de xeito que cheguen o máis repartido ás casas.

-Veñen de clausurar tamén as actividades das escolas municipais.

-Si, as deportivas e as culturais. Levamos un mes intenso na Casa da Cultura. Houbo xa exhibicións de taekwondo ou patinaxe a finais de maio, no pavillón, e a partir de aí empezamos coas culturais. Tivemos as catro escolas de teatro -Berdoias, Salto, Pasarela e as escolas infantís-; a inauguración da exposición de arte e palillo; a escola municipal de baile e música tradicional -pandeireta, gaita, percusión e baile- e rematamos este domingo, coa escola de música moderna e contemporánea: piano, guitarra, batería, canto e música e movemento, dos pequeniños. Sobre unhas 1.000 persoas, algunhas delas participando en varias actividades.

-E agora que chega o verán acaban de dar a coñecer un intenso programa. Sen tempo para aburrirse.

-Xusto se empezou esta semana coas inscricións. Temos campamentos para que os nenos de 3 a 12 anos pasen o verán en Vimianzo; tamén outros multiaventuras para os que teñen entre 12 e 17; os obradoiros medievais, na semana anterior ao Asalto; cursos de natación; a excursión ao Aquapark, un clásico de todos os anos; o Día da Bici; un curso de iniciación ao pádel... Cursos de informática, que eses si que non había: mecanografía, programación con Scratch, creación de aplicacións para móbiles... Xa para a semana, por certo, teremos de novo a Elisa e Marcela, con A Panadería, o día 28, o día do orgullo LGTB, ás 21.00 horas. Serán ademais as pregoeiras do Asalto. Era hora de que se falase deste tema: parece que agora, coa Panadería e Coixet, está sendo así.