«Cures e O Mouzo ao longo do tempo», memoria e homenaxe ao mundo rural

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

O escritor Valentín Alvite
O escritor Valentín Alvite Jose Manuel Casal

A publicación, coordinada polo escritor Valentín Alvite, presentarase este vindeiro sábado, ás 18.00 horas

29 abr 2022 . Actualizado a las 00:15 h.

Amosarlle á xente moza como era a vida dos seus avós e bisavós, «moi diferente da actual», e facilitar, doutro lado, que a xente certa idade poida facer memoria das vivencias do pasado, son dous dos obxectivos esenciais do libro Cures e O Mouzo ao longo do tempo, unha obra que se presentará este vindeiro sábado na área recreativa de Cures, Vimianzo, ás 18.00 horas. O escritor e mestre Valentín Alvite, coordinador e responsable da redacción e estrutura da obra, indica sobre ese segundo fin que rescatar o pasado, dalgún xeito, é unha forma de intentar «prolongar a existencia», de vivir os feitos dúas veces. Afirma, tamén, que o libro é en certo modo unha homenaxe ao medio rural e á vida que nel había hai medio século, sobre todo porque en certa medida (véxanse as últimas xornadas e a «Galicia profunda») segue a estar «relegado, postergado, esquecido». Iso, indica, pese a que o rural tivo e ten un papel crucial á hora de facilitar a pervivencia da especie humana. As actividades que se levan a cabo neste ámbito son «esenciais», dende a produción de alimentos á construción mesma das casas, como pode ser o traballo dos canteiros.

Hai xa cousa de catro anos que se tiña a idea de artellar esta publicación, unha proposta retomada hai ano e medio e concluída a finais do 2020, pero que, coma tantas cousas, quedou paralizada pola pandemia e pola imposibilidade de celebrar actos con público. Cures e O Mouzo ao longo do tempo é, en definitiva, unha descrición ou crónica da vida cotiá e diaria de hai «sesenta, cincuenta ou corenta anos», aquilo que facía a xente dende que se erguía ata que se deitaba, centrada, como di o título, nestes dous lugares vimianceses. A publicación está estruturada en catro partes: De onde vimos (faise alusión ao Castro de Croado), Así eramos, As mudanzas e Os rostros. Cada unha destas partes está dividida en capítulos. Así é que, no caso de Así eramos, nesa crónica do día a día, hai cuestións como o fogar, os labores, os utensilios, a mantenza, a infancia, a mocidade, a madurez, a vellez, os oficios, a devoción, os alcumes... Menciona no lecer Valentín Alvite, por exemplo, as palilladas, que ademais da actividade económica que supoñían, eran punto de encontro, fonte de ocio dinamizado en ocasións ata con música. Na parte dedicada ás Mudanzas trátanse cuestións que marcaron tanto o devir destes núcleos como a construción de estradas ou, máis aínda, a emigración, sobre todo a partir dos anos sesenta.

Impreso por Tórculo Comunicación Gráfica, e promovido e editado dende a Comunidade de Montes do Mancomún de Cures e O Mouzo, a publicación ten un coidado acabado, de calidade, con tapas duras e nun tamaño de 35x25 centímetros, do tipo dun álbum escolar. Quíxose apostar por unha edición así, co evidente custo, porque a obra, para os seus veciños, será en certo modo un álbum fotográfico. Están recollidas na publicación unhas 400 imaxes, nada menos, algunhas delas superando os cen anos. Constitúen o groso da cuarta parte, Os rostros. «Queriamos que todas as persoas do lugar estivesen no libro», di Valentín, que tivo a colaboración de nomes como os de Marcos Bugallo, Carme Vázquez, Manuel López ou Tito Roibás. Foron esenciais, tamén, os propios veciños, cedendo imaxes e as súas vivencias, recollidas a través de conversas, cuestionarios e máis entrevistas.

Son eles, os habitantes de Cures e O Mouzo, os destinatarios principais da obra, aínda que esta ben pode ter interese para persoas alleas ás localidades, precisamente por ese fiel retrato da vida rural dun tempo pasado que resulta común. É por iso que, ademais de facerse chegar ás bibliotecas públicas da zona, a idea é que quede ao dispor dos potenciais lectores nas librarías da Ponte do Porto ou Vimianzo. Os socios da Comunidade de Montes poderán facerse gratuitamente cun exemplar e, para os demais, o custe a aboar será de 20 euros.

Sinala Alvite que a presentación deste vindeiro sábado non será unha cousa «académica», senón unha breve intervención de presentación que irá parella a un acto que ten outro fin que vai máis alá, o de ser unha xornada de confraternidade e convivencia veciñal entre xentes de antes e de agora, veciños actuais e outros que o foron, por ter nacido en Cures e O Mouzo ou por ter residido nestes núcleos durante un tempo. Unha posta de longo que virá a poñerlle o broche de ouro a un proxecto de anos. «A vida dos seres humanos non é só o presente. É a suma do que fomos, do que somos e do que seremos ata que nos chegue o momento da despedida», recolle o prólogo. Tamén o libro ten un epílogo, A lembranza, un texto escrito dende a Arxentina por Evaristo Oroña, Evaristo do Sariño.