Tanto que celebrar

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

BASILIO BELLO

27 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo anda engalanado, parece unha moza vizosa que se prepara para as súas grandes festas, que foxen de ser propiciadas polo santoral cristiá. Na nosa vila, celébrase a rebeldía. Como cada xullo dámoslle valor á insurrección da xente do común contra o feudo dos señores do medievo. A diferenza doutras festas, como o desembarco dos vikingos en Catoira ou o Arde Lvcus, non celebramos unha invasión ou unha conquista dun pobo foráneo. Aquí, foron os campesiños os que se levantaron en contra dos que tiñan todo: o foro, a servidume e a terra. Esta última a que suscita a maioría das revoltas e guerras no mundo. A mesma que continúa en mans privadas moitas veces ata incluso nos nosos días, impedindo unha gandaría máis sustentable e equitativa co entorno.

O Castelo de Vimianzo agocha centos de historias. Entre as súas murallas, garda un pasado cheo de literatura con Evaristo Martelo e de xestas familiares lideradas polos Moscoso e os Altamira. Tamén alí, palabras nunca ditas polos seus protagonistas. Véxase a pegada tan profunda que deixou a Guerra Civil e o Castelo en figuras tan emblemáticas como Andrés García Ferreiro. Coido que define a importancia do legado dos nosos antergos. O espírito do Asalto ao Castelo é honrar a aqueles veciños e veciñas que hai máis de cincocentos cincuenta anos loitaron para que non sempre gañasen os ricos e para que todos tivésemos capital, terra e traballo dunha forma xusta e igualitaria.

Nas nosas festas non nos pasa como en Lugo, non eliximos se vestirnos de romanos ou castrexos. Todos emulamos aqueles campesiños que irromperon á forza no enclave medieval para facer valer os dereitos. Que a súa voz se escoitase, iso tan difícil, onte e sempre.