María José Pose: «A promoción da igualdade ten que petar en todas as portas»

VIMIANZO

ENTREVISTA | Este ano en Vimianzo traballaron especialmente coa mocidade e con eles, rapaces e homes. Chega outro 25N con camiño por diante. María José Pose é edila de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade
25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Un traballo transversal, dende todas as áreas e para todos os ámbitos. Un traballo a longo prazo que irá frutificando en cambios pequenos, máis lentos do desexado, pero cambios. Queda camiño, e hase de empezar cedo. Así é, segundo María José Pose, edila vimiancesa de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, o traballo en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. Conversa disto polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres: «Non nos rendemos nunca».
—Que sensación lle quedou logo da xornada celebrada o pasado venres no Terra de Soneira?
—Saín un chisquiño máis feliz do que estaba o día anterior. Traballaron aspectos vitais e afloraron cousas interesantes. Vin que [os rapaces] son conscientes de que estamos nunha sociedade non igualitaria, de que poñer da nosa parte é importantísimo e de que eles son parte activa. Queremos cambiar a sociedade, e para iso hailles que ir amosando como.
—Falaba da precisa sensibilización de todos os públicos, pero sobre todo dos máis novos, e máis concretamente, dos rapaces e homes.
—Moitos estudos aluden a que esas accións en pro da igualdade e da loita contra a violencia de xénero han de ir dirixidas a toda a poboación, pero moi especialmente aos homes. Este ano nós puxemos o foco neles. Temos unha sociedade machista, con patróns que de forma consciente ou inconsciente se veñen perpetuando xeración tras xeración. Se queremos mudalo hai que empezar a traballar, e facelo dende as idades máis temperás é o debido. Os principais actores dese cambio, procurando masculinidades non tan tradicionais, con formas de actuar máis igualitarias, van ser os rapaces: poida que eles amosen xa nestes intres algunha actitude machista, pero eses comportamentos aínda non están fixados na súa identidade masculina. De aí a importancia.
—Que destaca deste 25N 2022 en Vimianzo?
—Case toda a nosa programación a centramos nos centros educativos. Vimos traballando dende hai meses aínda que, chegado o 25N, claro que si, gústanos reivindicar con actividades visibles estendidas a toda a poboación. Eliximos para este 25N o lema Ergue as ás pola túa liberdade, lema dirixido a elas, ás posibles vítimas, ofrecéndolle unha forza, un folgo. Esta idea representarémola cuns papaventos nos que levan semanas traballando no colexio de Baíñas e nas unitarias de Carnés, Carantoña e Castromil. Aproveitamos o contacto que xa tivemos alí coa Maleta Viaxeira para propoñerlles estes obradoiros. Concentrarémonos o 25 [hoxe] no campo de fútbol, ás 12.00. Precisabamos un espazo amplo, e agardamos un día excelente para poder erguer esas ás. Todas as actividades simbólicas, coma esta, teñen detrás tempo previo de traballo e de sensibilización.
—Non é traballo de un so día nin de unha soa área municipal.
—É de todo o ano. Ha de ser algo transversal, unha loita dende todas as áreas. Para min, a promoción da igualdade ten que petar en todas as portas, ten que ser levada a todos os ámbitos da vida dunha persoa. Aprobamos hai pouco o cuarto Plan de Igualdade, que nos serve de guía. Agradécese ter unha técnica de Igualdade, mediante subvención da Deputación, para que vaia marcando un programa, desenvolvendo actividades... Formación, cursos para persoal... Dende Servizos Sociais tratamos de facilitar todos os recursos e axuda para posibles vítimas... Ao longo de todo o ano, na programación de Cultura incluímos contidos relacionados coa Igualdade e tratamos de chegar con eles ao alumnado. Temos unha imaxe propia de igualdade: en todos os documentos administrativos, todos os que saen do Concello, figura. Son maneiras, cousas que van chegando, que van espertando...

—Semella que a veces hai unha resposta como á defensiva.
—Non podemos deixar de visibilizar que temos un problema, un problema que se chama machismo e que, na súa expresión máis extrema, mata mulleres. É un traballo a longo prazo. Temos que seguir berrando, dicindo as cifras. Mentres teñamos esta situación, vítimas, seguiremos saíndo á rúa cada 25N, dunha maneira ou doutra. É moito máis ca un acto de silencio, desta vez traballamos máis co alumnado, noutras ocasións co tecido asociativo e a resposta é moi boa. Non custa asistir a estas concentracións, porque ese caso que nos tocou tan de preto marcou un antes e un despois. Custa máis, quizais, traballar no ámbito da igualdade. Polo Día da Muller, a veces oes a pregunta: para cando un día do home? Por que esa reacción defensiva? Pois ao mellor hai que poñer o foco onde realmente vemos que está incomodando o tema, actuar aí.
—Desaniman eses comentarios que critican estas mobilizacións?
—Poden enfadar puntualmente, pero a min para nada me desaniman. Todo o contrario. Oxalá saíran á luz todos eses pensamentos, esas opinións, porque así veriamos mellor aínda con quen hai que traballar, quen di e pensa isto, onde atallar. Se non deixamos que digan o que pensan, tampouco imos poder rebater ou analizar por que pensan así.
«As dependencias para o CIM están preparadas, agora virá poñelo en marcha»
Vimianzo non ten polo de agora un Centro de Información á Muller (CIM) propio, pero si todo o desexo de contar con este servizo. Hai xa meses que veñen traballando neste proxecto e, de feito, así o deran a coñecer con motivo do 8 de marzo. «É algo que non seremos capaces de facer dun día para o outro, pero a día de hoxe as dependencias xa estarían preparadas, teñen que cumprir unhas características determinadas e, a partir de aí, virá o proceso de poñelo en marcha», di María José Pose. Lograr a conseguinte acreditación por parte da Consellería de Igualdade. Indica que, nas vindeiras semanas, terán unha nova reunión ao respecto. «Infraestrutura témola e agora sería cuestión de avanzar na parte administrativa, de persoal, no contacto coa Secretaría Xeral. Con ganas e empeño, cremos que é un recurso necesario».