Avelino González: «Pasan máis cousas nunha aldea de Galicia que en toda Nova York»
VIMIANZO
![](https://img.lavdg.com/sc/RoEhpW1_zZjsd88kpQYYSqdi9mM=/480x/2023/01/12/00121673519762459355847/Foto/CE13C8F1_11355.jpg)
A VIVA VOZ | Vimianzo retomará este sábado, mañá mesmo, o programa «A Costa da Vida». Farao coa peza «Dous no Camiño». Fala o seu director: «En todo hai humor, e o humor axuda», asegura
13 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Tempo de ir facendo axenda para a fin de semana. Mañá e domingo: para eses dous días ten citas o Concello de Vimianzo, que retomará o proxecto A Costa da Vida con dramaturxia e con música. A primeira parada, este sábado 14, ás 13.00, na escola de Vilar, parroquia de Cereixo. Os que se acheguen poderán gozar da comedia Dous no Camiño, con Fran Rei e Isabel Risco sobre o escenario, dirixidos por Avelino González (San Andrés de Comesaña, Vigo, 1962). Falou en Radio Voz:
—Feliz Aninovo.
—Igualmente! Eu tamén boto ata febreiro felicitando o ano novo, logo paro e a partir de San Xoán empezo de novo. Para min o ano empeza aí, pero bueno, son teimas miñas, ninguén ten culpa...
—«Dous no Camiño», unha revisión de varias lendas xacobeas...
—O argumento, exacto, son lendas xacobeas de toda a vida. Moita xente dirá ao escoitar isto: ‘Pois vai ir Cristo mirar o espectáculo!’. E si, irá, porque está dentro do elenco [ri]. O que ten Dous no Camiño é que está feito por Fran Rei e Isa Risco. Hai xente que vale para levar as contas, xente que vale para navegar, e xente que non valemos máis que para facer rir. Fran é unha desas persoas, e Isa outra. Son dous pallasos moi serios, no sentido de que toman o seu traballo con rigor, sacan humor de todo, non por falsas irreverencias, senón porque en todo hai humor, e ademais o humor axuda a levar a vida con aleghría e sen fanatismo.
—Lendas como a da barca de pedra de Muxía ou a da traslatio do Apóstolo a Santiago.
—Efectivamente, pois nós damos unha volta por Rianxo cando vén a Virxe na súa barca de pedra. Para que vexa mundo. Hai outra de Roldán, que esa é do Barco de Valdeorras: é dicir, que saltamos dun lado para o outro. Todo isto, visto por dous clowns: Fran, encantador, quizais menos coñecido que Isa, e Isa, moi coñecida, aínda non tendo tido moita presenza na televisión. Isto xa di moito ao seu favor: é muller de teatro, de escena, de táboas. Por tanto, mira, de que vai o espectáculo? De rir. A escusa? Esas lendas. Que si, que xa imos un pouco cansos, pensando que se non haberá máis cousas en Galicia que o Xacobeo, porque é como comer sardiñas todos os días, pero... Bueno, nós queremos darlle unha revolta, e unha actualización. Son lendas que contamos para xente de hoxe, con outro tipo de crenzas, de ritos. Ata outra forma de vida.
—A Costa da Vida é un proxecto para levar a cultura ás parroquias, implicando veciños e asociacións. A cultura non é só de cidades, nin de capitais municipais. Como ve esta idea?
—Estupenda, marabillosa, porque iso que chaman a España vaciada non é só unha España baleira de xente, senón de contido. Empézase por baleirar de contido e logo a xente acaba por marchar. O que pasa en Vimianzo e tamén coas lendas da Costa da Morte é como que hai unha capa ou unha pátina de cousas que xa se saben, e non se renovan. Aquí xa creo que coñezo todo, pois marcho a Nova York. Pois non, e por iso está ben o programa. Nas parroquias de Vimianzo hai moito patrimonio, oralidade, conto, non só lendas: sucedidos, anécdotas... Sachei moito niso e falo con coñecemento de causa. A miña tese, e a doutros coma min, é que pasan máis cousas nunha aldea de Galicia que en toda Nova York. E agora é cando abrimos a paréntese de proporcionalmente, claro, porque en Nova York hai moita máis xente, e polo tanto numéricamente pasan máis. Pero nas aldeas pasan moitas cousas, nas aldeas hai unha mestura de realidade e de ficción. Iso que atopabamos cando liamos a Cunqueiro, iso dáse nos contos, e nesa mestura hai actualidade. Ten moitísimo valor. Véxoo cando vou a unha escola e lle conto aos rapaces cousas do seu lugar: flipan, porque na escola non se lles fala diso, do entorno. A rapazada medra pensando que aquí non hai nada, e carallo se hai, hai un monte de cousas que son argumentos para libros como Harry Potter, para series de Netflix como The Mandalorian... As tradicións nacidas no rural valen tamén para a cidade, porque toda esa xente que emigrou a elas marchou do rural cos coñecementos que tiña da aldea, e valéronlle. Levo dous anos polo local, facéndome un arquivo por localidades e mesmo por parroquias, e en todos os lados hai algo bonito, interesante, e fóra xa do lendario, da ficción. Sucesos, personaxes... Na Costa da Morte tedes un patrimoniazo. A historia da ponte do Pindo coñecina o ano pasado e flipei polas orellas.
—No último FIOT vimos a súa creación «Esas cousas marabillosas». En que anda agora?
—Preparando unha cousa sobre as abellas. Na miña casa sempre as houbo. Preparo isto para dous públicos, infantil, levando colmeas e demais para que a rapazada poida cheirar, romper, tocar e saborear, e para adultos, contos a partir das abellas e de abelleiros. Anécdotas que vin... Estando nunha alvariza sacando mel, a un paisano ocorréuselle mexar sen apartarse dela...
—Buf!
—Pois aí, aí, xusto foron aí... Non sabes as risas que botou a aldea. Dicíanlle á muller: ‘Aproveita!’.
—A vostede, por certo, terémolo na Costa da Vida de Vimianzo o 19 de febreiro, en Calo.
—Pois alí estarei contando cousas do sitio, cousas coma estas das que falamos... Pero non nos liemos e comecemos por este sábado. Vaian: se non lles gusta, que me chamen e eu devolvo o prezo da entrada [é de balde].