Tero Rodríguez: «O Castelo de Vimianzo é un lugar moi especial para o teatro»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Tero Rodríguez, no seu papel en Dombate
Tero Rodríguez, no seu papel en Dombate BASILIO BELLO

A REMOLLO | Vimianzo, O Allo e Dombate: as tres paradas de Os Quinquilláns este verán. «É un lugar ao que non se pode prescindir de vir», di Tero da Costa da Morte

09 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Catoira, pero afincada en Rianxo, Tero Rodríguez (1970) é licenciada en Filoloxía Hispánica e Galega, así como formada en Arte Dramática na especialidade de dirección de escena. Actualmente integra a compañía Os Quinquilláns, que cada verán ofrece visitas teatralizadas en lugares emblemáticos da Costa da Morte como o Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo ou o Dolmen de Dombate. Mais Tero ten traballado noutros sectores, confesa, por «falta de autoconfianza» no feito de que fose posible vivir da interpretación. «Ao rematar a carreira estiven traballando no comercio porque cría que o teatro só podía ser para min unha afección, ata que dei o salto e vin que si, que si se podía vivir disto». Máis aló das visitas profesionais, confesa Tero, tamén vén pola Costa da Morte para gozar da natureza e das praias. «É un lugar ao que non se pode prescindir de vir», indica.

—Como xurdiron Os Quinquilláns? Xa son vellos coñecidos nesta zona.

—Pois Os Quinquilláns naceron vinte anos antes de que eu aparecese, no 1989, e porque Lucho [Penabade] tivo a iniciativa, con outros compañeiros, de crear unha compañía de teatro de rúa e facer cousas grandes por Galicia. Durante dous decenios foron un referente e eu entrei no 2009, logo viría a crise, fóronse reducindo os formatos e no 2013 fixemos a primeira visita teatral no Castelo de Vimianzo.

—Como xurdiu a proposta?

—Fomos ofrecerlle ao alcalde que había por aquel entón esta posibilidade, el creu no proxecto e a raíz de aí foron xurdindo as demais teatralizacións.

—Por que Vimianzo?

—Bueno, é un castelo que está moi ben conservado, que ten unhas dimensións especiais e un espazo moi aproveitable para unha actividade así. Bueno, e ten moita historia. Noutros lugares centrámonos nun momento concreto, pero en Vimianzo o alcalde encargounos entón facer un repaso da historia do lugar en só 30-40 minutos!

Tero Rodríguez, nas Torres do Allo
Tero Rodríguez, nas Torres do Allo BASILIO BELLO

—Xa levan varios veráns, tamén, con espectáculos en Zas.

—Nas Torres do Allo, nese pazo máis antigo de Galicia, contamos como era a vida do século XIX. Os foros, as rendas, o sistema económico en decadencia. É unha época interesante porque ambas partes se están rebelando. Neste caso a nosa posta en escena é distinta, pois usamos aos visitantes como unha personaxe máis: como eses veciños que veñen pagar os foros. Nós encarnamos a Francisca Riobó e Víctor López Seoane, os últimos moradores do pazo que lograron vivir das rendas.

—E que hai da visita que fan no dolmen de Dombate?

—En Dombate viaxamos a un tempo moi interesante de descubrimentos, da irrupción da agricultura, da vida sedentaria fronte á nómade... Aí xogamos moito co público, poñéndoos a proba a ver se coñecen elementos como os diferentes cereais. É curioso, porque moitos non saben distinguilos, pero as xentes de Dombate ás que recreamos, si sabían.

—No pasado tamén entretiveron aos visitantes de Cereixo e do mosteiro de Moraime.

—Son dous espectáculos que este ano non faremos, pero que si os tivemos no pasado. En Cereixo falabamos da vinculación da súa igrexa co Camiño de Santiago. E en Moraime é unha verdadeira mágoa que non se seguise apostando pola proposta. Foi unha visita que tivo moi boa resposta e bastante público, e nun lugar espectacular e moi singular, sobre todo por esas pinturas.

—A que cre que se debe a boa resposta que teñen este tipo de iniciativas?

—Eu creo que teñen éxito fundamentalmente por dous motivos: porque proporcionan entretemento e porque a nós, como seres humanos, nos gusta aprender e xeralmente gozamos aprendendo cousas novas. O entretemento, non obstante, é fundamental, porque se aburres á xente non te van seguir: descólganse.

Tero Rodríguez, no castelo de Vimianzo
Tero Rodríguez, no castelo de Vimianzo BASILIO BELLO

—Vén a O Allo como Francisca, a Dombate como Elba e a Vimianzo como Elviriña. E como Tero? Vén de visita tamén á Costa da Morte?

—Por suposto. É un lugar que non podo deixar de visitar, non se pode prescindir de vir. Vou moito ás praias e gozar da natureza.

—Algún lugar que destaque en especial?

—Gústame especialmente a praia de Leis e o entorno de Cabo Vilán.

MÁIS DE PRETO

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? Pois onte mesmo! [polo mércores] Vivo en Rianxo e estamos en época. Este ano, por diferentes motivos, non puiden ir ás fogueiras do San Xoán, pero si as comín despois.

Sabería dicir onde queda o Cemiterio dos Ingleses? En Camariñas. Mesmo hai unha representación veciñal alí, non?

Cal é o único río en Europa que desemboca en cascada no mar? Pois O Ézaro. Téñoo visitado, espectacular. Unha mágoa que esa zona se vise afectada polos lumes.

Ten probado os percebes do Roncudo? Probei os percebes, pero non son consciente de que fosen do Roncudo especificamente.

Cal é o seu marisco preferido? Gústame todo, pero especialmente os berberechos e os mexillóns. Sempre penso que oxalá o mundo non se dea conta do bos que están [os mexillóns] e do valor que teñen para que non lle suban o prezo! [ri]

Visitou a praia dos cristais algunha vez? Non, teño oído falar dela, pero teño esa visita pendente.

Quen é o autor da letra do Himno Galego? Eduardo Pondal, por suposto. Temos moi boa relación coa Fundación e algunha vez temos feito algunha representación alí na súa casa natal. Foi moi emocionante a experiencia, e máis vendo a implicación veciñal.

Cal é a catedral do megalitismo? Pois vai ser Dombate [ri]. Coñecémolo ben. Hai que divulgalo, dalo a coñecer.

Algún solpor na Costa da Morte? Téñoo visto dende Fisterra, por exemplo. A fin da terra.