Vimianzo, a luz do Nadal na Costa da Morte

M. L. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Máis de 5.000 usuarios tivo a pista de xeo e 14.000 bólas saíron do bombo da campaña comercial

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Difícil cuantificar a cantidade de xente que ao longo das últimas semanas puido pasar pola capital de Soneira, pero os máis de cinco mil usuarios que tivo a pista de patinaxe sobre xeo —aos que habería que sumar outros 1.500 correspondentes á campaña escolar previa á apertura ao público das instalacións— xa son un indicador da magnitude que vén acadando o Nadal de Vimianzo.

De xeito paralelo á pista, que no seu cuarto ano de funcionamento é xa sinónimo de éxito, de gran afluencia foi o Recuncho Gastronómico instalado baixo un gran iglú transparente que deu acubillo a familias, parellas, mozos, nenos... «O equilibrio entre a pista, o iglú e a oferta gastronómica —que, ademais, estaba todo conectado e non había nin que saír a fóra— foi o que fixo que houbese tódolos días unha afluencia masiva», considera Nieves Lema, técnica de Cultura, unha opinión coa que coincide a alcaldesa, Mónica Rodríguez: «Moitas familias nolo teñen pedido, para que así mentres os nenos estaban patinando, eles puideran estar tranquilamente tomando algo ou gozando dalgún concerto», apunta a rexedora.

ANA GARCÍA

Toda a programación, engade, foi deseñada en consonancia co tecido hostaleiro e comercial para que revertese directamente nos establecementos de proximidade: «Mesmo os horarios se pensaron para que a xente viñese á tarde patinar, tomase algo, quedase ver un concerto no Recuncho e despois xa cease polo pobo», indica Mónica, un obxectivo que, segundo di, foi cumprido.

A afluencia foi «masiva» dende aquel primeiro acendido, na ponte da Constitución, que encheu o iglú ata os topes; pasando polas xornadas de apertura da pista de patinaxe, polas visitas de Papá Noel, polo programa de conciliación que este ano se complementou con Madrugadores ou polos Cantos de Nadal polas parroquias. Neste último caso, dende o Concello agradecen á asociación tradicional Trubisquiña o traballo que fixeron na recuperación de pezas e cantigas propias destas fechas: «É un patrimonio inmaterial que vai quedar aí», apunta a técnica.

Polo iglú, cuxa instalación comezou a barallarse xa dende o pasado mes de xuño, pasaron propostas musicais como o dúo Caamaño&Ameixeiras, Irma Macías, o dúo DeFesta ou o grupo Broken Peach; e polo auditorio da Casa da Cultura, opcións de moi alto nivel como a Orquestra infantil da Sinfónica de Galicia ou o musical de Frozen.

BASILIO BELLO

Á hora de facer balance deste mes de máxima actividade, a rexedora agradece o traballo «fundamental» dos membros do equipo de goberno, dos operarios municipais, da área de Administración e do departamento de Cultura, así como das entidades que aglutinan ao comercio e á hostalaría vimiancesa. «Foron moitas reunións e moitos meses de traballo, pero estamos moi satisfeitos coa resposta e abraiados coas cifras. A aposta que facemos polo Nadal é importante, pero tamén se deixa ver en como responde a xente non só do pobo, senón da comarca e ata doutros puntos da provincia», apunta Mónica.

Só un pero: esa choiva de Reis que non deixou lucir esa carroza que con tanto esforzo fixeron os electricistas municipais e os edís Miguel Ángel Pérez e María José Pose. «Se só tivese un botón para que aquel día deixase de chover...», bromea a alcaldesa.

BASILIO BELLO

«Hubo muy buena venta, y más gente de fuera que otros años»

Especializada en produtos de alimentación delicatessen, e logo dun período previo noutra localización, a tenda Pata Negra leva catro anos funcionando na rúa Castelao vimiancesa, a só uns metros da Praza do Concello. «A pesar del frío y de que algunos días no hizo muy buen tiempo, hubo mucha gente y muy buena venta», apunta Raquel Romero, que engade que nesta ocasión percibiu, así mesmo, «más gente de fuera que otros años». Agasallar gastronomía estase a converter nun costume cada vez máis arraigado —algo «con lo que siempre aciertas», di a emprendedora— e no seu establecemento ofrecen produtos de tódolos rangos de prezos. «La verdad es que cada año consolidamos ventas, pero esta campaña fue muy buena. Y, además, notas que hay gente que viene a la pista o a alguna actividad y aprovecha para pasarse por las tiendas. Y si en ese momento no puede comprar, se queda con tu nombre y se pasa en un futuro», sinala Raquel.

Do volume de vendas que tivo o comercio local vimiancés dan conta tamén as 14.000 bólas extraídas do bombo da campaña Mercabolas, nas que había premios tan suculentos como televisores, cestas de Nadal ou outros electrodomésticos. «A campaña en si xerou atención, con grandes colas para o bombo», apunta a técnica Nieves Lema.

BASILIO BELLO

«É difícil falar de cifras concretas, pero creo que houbo o dobre de xente que o ano pasado»

«Tivemos cliente local, pero tamén moita xente de Carballo, Malpica, Corme, Fisterra... Xente que, seguramente, se non houbese tanta programación non tirase cara Vimianzo». Dende o seu posto do Recuncho Gastronómico, o chef local Fabián Mouzo tivo unha boa panorámica do que foi a afluencia de público durante o Nadal vimiancés: «É difícil falar de cifras concretas, pero creo que houbo o dobre de xente que o ano pasado», di. Patacas fritas, salchipapas ou as crepes doces foron algúns dos pratos máis demandados, apunta, pero tamén as hamburguesas elaboradas con produtos quilómetro cero. «Intentouse ofrecer algunha proposta que non fose tan de comida rápida e funcionou bastante ben», apunta Fabián, satisfeito, en xeral, con esta última campaña. «O Nadal de Vimianzo está en constante crecemento, e a carpa deste ano marcou a diferenza», conclúe.