Mañá será tarde de festa en Vimianzo, con estrea de espectáculo e visita especial dende Monterroso
07 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai clásicos de Nadal, clásicos de xaneiro e, por que non, clásicos de febreiro. Vai camiño de selo a Foliada do Río Grande, en Vimianzo, da que mañá, sábado, se celebrará a sétima edición. Será ás 18.30 horas, na Casa da Cultura, e da man das asociacións Airiños do Río Grande (Pasarela) e Foliada de Salto. Falou en Radio Voz o coreógrafo e bailarín ceense —de Brens— Iván Villar, profesor en ambas dende hai uns oito-dez anos:
—Xa é tempo.
—Empecei en Foliada de Salto e logo en Pasarela, un nadiña máis tarde. Falara Paula Mouzo comigo porque precisaban un mestre para as agrupacións, ela leváballes un tempo dando clase, empezamos pouquiños, pero fomos medrando e hoxe entre as dúas sumamos case uns setenta alumnos, dende os cinco ata os 24-25 anos. Hai xente que cando comeza na Universidade déixao temporalmente, logo volve ao retomar.
—Os que coñecen estas entidades saben que o baile que fan é un tanto distinto. Tradición, pero doutro xeito. Que di disto vostede? Que ensina?
—Eu parto do que era o antigo ballet de Rey de Viana. Partimos sempre dunha base tradicional, pero recollendo esa esencia, crear unhas estampas cotiás da cultura galega, levando o baile tradicional, pero con movementos e coreografías de carácter, unha dinámica algo diferente. En canto ao vestiario, é similar, só que ao ter máis xiros e demais, os refaixos e outras prendas adáptanse ao movemento coreográfico.
—Esta edición da Foliada do Río Grande trae a estrea dun novo espectáculo, «Os zocos máxicos». Que será?
—Na anterior edición fixeramos Tronantes e nubeiros, e para este decidimos xerar outro conto, e escenificalo. Os zocos máxicos [escrito polo propio Iván Villar] conta a historia dun zoqueiro e o seu axudante: chegan a unha vila, instálanse nunha casa que queda libre e a xente empeza a interesarse polo seu traballo, os seus zocos... Que pasa? Que esa vila está gobernada por un terratenente, e este ten unha filla, Xorima, da que se namora o zoqueiro. Non consinte isto o terratenente, e reclúea, pero o zoqueiro, coa axuda duns seres desa casa que desvelaremos no espectáculo, consegue facer uns zocos máxicos cos que se volve invisible cando os pon, de xeito que pode recuperar á súa amada, e fuxir. Esta é a historia, hai que vela.
—Mañá, ademais das dúas agrupacións organizadoras, terán como grupo convidado a Falcatrueiros de Monterroso, a primeira entidade na que Iván Villar deu clase. Van xa uns 20 anos. Será unha visita especial.
—Si. Empecei moi noviño, logo chegaría Breogán de Brens, oito anos. Esta foliada faime especial ilusión, que veñan, porque nunca bailaran en Vimianzo. Serán por vez primeira tres agrupacións, e as tres levadas por min. Un día de convivencia, teremos xantar, visita aos Batáns, igual o castelo... Xornada cultural, e tamén turística.
—En que faceta é máis esixente, como mestre ou bailarín?
—Creo que na de bailarín. Na de mestre teño máis empatía, hai rapaces aos que lle leva máis e aos que lle leva menos, pero o que fomento sempre é o respecto, o compañeirismo, e gozar do que facemos. Paixón polo que se fai.
—Con Nova Galega de Danza, da que forma parte, veñen de cumprir os 20 anos. «Berro» foi o espectáculo conmemorativo, pero agora xa andan con «Dique», danza, historia e reivindicación feminina.
—Dique está comezando, funcionando moi ben, dirixida por Marta Pazos. Conta a historia da construción do dique de campá de Ferrol, a maior obra de enxeñaría do século pasado en Europa. Houbo alí 200 mulleres que moveron unha salvaxada de toneladas de escombro. Jaime Pablo Díaz, director, tirou do fío para saber que acontecera, e descubriu un traballo non recoñecido que quixo plasmar no escenario. Dique é un traballo que parte todo de mulleres.
—Tirando para a casa... Pode volver a Brens tanto como gustaría?
—Non, tanto como me gustaría non, pero un sempre ten na cabeza ese volver. É por boa cousa, como se di, igual paso unhas horas á semana, pero desexaría que fosen días.