
Dende a Casa da Cultura participarase o día 26 nunha emisión simultánea polos 30 anos de Ponte... nas Ondas!
15 mar 2025 . Actualizado a las 00:48 h.Vimianzo, dende a súa Casa da Cultura, será o vindeiro 26 de marzo un dos epicentros da gran festa da radio escolar ou maratón radiofónico que prepara a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!, que está de 30.ª aniversario. Serán unhas catro horas de programación, con unha morea de puntos repartidos por Galicia adiante e tamén o norte de Portugal, no caso da comarca este da capital soneirá.
Como xa se fixera previamente en Compostela, este xoves déronse a coñecer detalles dende a Casa da Cultura de Vimianzo, un acto no que tomaron parte a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; o presidente da asociación organizadora, Santiago Veloso; o director do Centro de Formación e Recursos para o Profesorado da Coruña, Emilio Veiga, así como Pedro Lado e Xosé María Varela, representando igualmente ao CFR. O encontro terá a participación de alumnado de 14 centros educativos da comarca, máis de 60 en toda Galicia. Patrimonio cultural e inmaterial xogarán importante papel no programa, así como música popular e tradición, ademais de oficios artesanais, con voces como as de De Vacas, Astarot, Pablo Seoane, a xornalista Tareixa Navaza, a Asociación do Traxe Galego ou a Asociación Ourives de Compostela, entre outras. Tres decenios de Ponte... nas Ondas! con esta emisión en simultáneo que poderá seguirse en directo na web da entidade organizadora e no portal Escolas nas Ondas. «É un orgullo para Vimianzo», dixo a alcaldesa sobre o feito de acoller esta proposta: «Temos moito que contar, moita cultura e patrimonio do que presumir, un pracer que o alumnado sexan os encargados de facelo».