Marcos Waldemar: «O meu show é 100 % orixinal, non se ve en ningún outro lugar»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Auténtica revolución no mundo da maxia e descendente do mago Conde Waldemar, actuará mañá pola tarde en Vimianzo

05 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Advertencia: non intente ver o truco, porque perderá a verdadeira maxia. Vimianzo ten programada para esta fin de semana unha cita ineludible: mañá, 18.30, Casa da Cultura. Ata alí achegarse un mago capaz de deixar auditorios sen prazas, un fenómeno que ten por nome Marcos Waldemar, e que traerá a Soneira o espectáculo Inherente: entradas anticipadas en entradium.com, ou ben mañá, dende unha hora antes da función. Falou Marcos en Radio Voz:

—Preparado xa para Soneira?

—Si! Estiven aí uns días vendo o escenario. Este domingo levamos unha montaxe con bastantes persoas no equipo. Será un bo espectáculo de luces e de medios. Enriba dese escenario poderase ver un montón de cousas, andamos arrancando xira con Inherente, e chámase así porque fala un pouco desas cousas que son inherentes a nós. No meu caso é a maxia. Nacín na familia dun mago, o Conde de Waldemar [considerado o mellor mago de todos os tempos, rei de magos], de aí collín ese nome. El percorreu todo o mundo coa súa maxia, e este show fala un pouco de todo iso, do meu camiño e da súa historia tamén. Intento replicar algúns dos seus milagres.

—O Conde de Waldemar!

—É un título nobiliario que lle deu Alfonso XIII. Non temos moi claro aínda de onde vén a «w», pero a pronunciación é «Valdemar». Cando empecei na maxia dábame respecto usar o nome, porque el é unha institución da maxia aquí en Galicia. Foi o mago Antón, outro dos grandes, o que me animou a usalo, para que a xente seguise falando de Waldemar no tempo.

—Menciona ao mago Antón.

—Se se pode considerar que tiven un mestre, ese foi Antón, seguro. Colleume da man e ensinoume o camiño.

—Que facía antes da maxia?

—Fixen moitas cousas, maxia tamén, dende ben pequeno. Con catro ou cinco anos xogaba xa a ser mago escoitando as historias de Waldemar, pero fun medrando e estudando outras cousas, como a carreira de Enxeñaría e Deseño Industrial. Remateina, pero na miña cabeza xa só estaba ser mago, mesmo dende os 13/14 anos que quedaba tardes con Antón.

—Enxeñaría serve para a maxia?

—Si, sobre todo para unha faceta que me gusta moito, crear os propios xogos. Levo tempo deseñándoos tamén para outros magos, de todo o mundo. Neste show verase moito diso, o 90 % do que hai en escena é creado por min, 100 % orixinal, non se ve en ningún outro lugar. De aí o gran valor que ten para min, demais de pola faceta persoal, por esa miña historia, recordos da miña infancia...

—Gústalle a «maxia de preto» e tamén a maxia de cartas.

—Si. Temos dous xeitos de clasificar a maxia, segundo o que se use, cartas, moedas... e segundo a lonxitude na que se fai: de escena, de preto, de salón... Neste caso poderase ver algo de todas. Mesmo maxia con olores e a veces... ata neva no teatro!

—Foi finalista do famoso programa «Got Talent». Como o levou?

—Saír na tele sempre dá exposición, estou bastante agradecido á experiencia. Agora temos a sorte de estar enchendo os teatros. No Barco, onde estreamos, chegou a quedar xente fóra, en Vimianzo vaise polo bo camiño.

—Dáselle valor á maxia?

—Penso que é unha arte aínda sen desenvolver de todo, outras levan máis vantaxe na súa profesionalización.

—A quen convidaría a acudir a este espectáculo a Vimianzo?

—É un espectáculo para toda a familia, nenos e grandes, todas as idades, aínda que como eu digo desfrútase aínda máis de 8 ou 9 anos para arriba. E xa con 40, con 50... Canta maior idade, máis cousas do show che poden chegar.