Tradición para as aulas da comarca con Montse Rivera e Felisa Segade

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

«Cantareiras», de Xosé Manuel e Icía Varela, chegou onte, por outra banda, a escolares de Cee

08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo deu por iniciada este mércores a súa programación das Letras Galegas e fíxoo coa sesión Axudádeme a cantar, de Felisa Segade e Montse Rivera. Son dúas das fundadoras de Leilía, grupo de pandeireteiras que dixo adeus aos escenarios non hai moito, logo de anos e anos de traballo e visibilización das informantes e música de raíz. Foron pioneiras en subir aos auditorios un espectáculo só de voz e pandeireta. No seu paso por Vimianzo —e como xa fixeron días atrás tamén en Muxía—, ofreceron un percorrido pola historia da música galega, e tiveron como público a alumnos do IES Terra de Soneira. Os estudantes, por outra banda, recibiron un exemplar da obra Agora que vén a noite, de Marcos Calveiro, cofinanciado polo centro e o Concello: «O autor constrúe unha cadea que une o presente coa tradición dunha maneira moi especial», precisa o consistorio.

Felisa e Montse aínda volverán á Costa da Morte cando menos unha vez antes de que remate maio, pois para o día 27 teñen previsto un encontro tamén con público escolar no centro cívico de Malpica. O saber destas mulleres non se apea do escenario.

«CANTAREIRAS», EN CEE

Tamén para rapazada houbo onte cita en Cee. As cantareiras foron as protagonistas da man de Icía Varela nunha charla-coloquio celebrada na Casa da Cultura, e con eixo no libro que a malpicá vén de publicar en Xerais con seu pai, Xosé Manuel Varela. Estudantes de quinto e sexto de primaria dos colexios Vila de Cee e Manuela Rial coñeceron a realidade das homenaxeadas este ano coas Letras Galegas e foron ademais participantes activos. Tanto que ata se animaron a cantar con Icía varios temas recollidos en diferentes territorios, con especial presenza da Costa da Morte e sobre todo de Mens ou Muxía

A programación no auditorio Baldomero Cores ceense continuará este vindeiro sábado 10 de maio, co espectáculo Aquí tou, a cargo de Xosé Antonio Touriñán. Un percorrido pola súa vida, dende o momento da súa concepción, ata un posible epitafio. No medio, moito por contar. Haberá dobre función, unha ás 18.30 e outra ás 21.00, mais non corra porque as localidades xa están esgotadas para os dous pases.