Heredeiros da Crus: «Sempre hai quen se acorde de nós pola Costa da Morte»
VIMIANZO

Actuarán esta noite en Vimianzo, trala representación do Asalto ao Castelo. Antes, Alana e The Rapants
05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O de Heredeiros da Crus será un dos concertos máis agardados desta noite no Asalto ao Castelo de Vimianzo. Logo de Alana e The Rapants, e da representación teatral, chegará a súa quenda, xa á unha da madrugada. Así o contou en Radio Voz Bergantiños Fran Velo, que é o baixista da agrupación e que ten vinculacións familiares con Bergantiños:
—As entradas están esgotadas xa dende hai días...
—Bueno, dunha vez que van facer un asalto... Que tiren un par de muros máis e así pode entrar todo o mundo! [ri]
—Xa viñeran con anterioridade: como recordan a visita?
—Estivemos hai varias edicións, recordo que con Muchachito Bombo Infierno. E este ano quedo cos Rapants, uns chavales que o están petando e creo que será a primeira vez que coincidamos, polo menos dende que están tendo tanto éxito. A verdade é que entre eles e o Asalto, vannos deixar ao público ben quentiño!
—Que tal está a funcionar ese novo disco, «Trankimasin»?
—Moi ben! Presentámolo en febreiro e está indo moi ben. Unha cousa que me sorprendeu, é que os fans dinnos que lles recorda aos primeiros discos. Con sons máis actuais e potentes, claro, pero iso é algo positivo.
—Aínda así, nos concertos hai algúns clásicos ineludibles, non?
—É que non queremos que nos maten! [ri] Sempre temos problemas para facer os repertorios dos concertos, entre o que queren os fans, o que queremos nós, o tempo que temos... Este ano, como novidade, non estamos facendo dous concertos iguais: en todos metemos variacións. Temas que levábamos anos sen tocar ou que nunca fixéramos en directo, outros que metemos unha vez e xa non os faremos o resto do verán...
—Cantos álbums van xa?
—Pois entre discos, EP e directos... con Trankimasin van dez. Levamos 33 anos na estrada xa! Dos Heredeiros orixinais xa todos pasamos do medio século.
—Menuda xira se lles presenta este verán...
—Vén completiño, si. Creo que este será o verán máis completo dende que volvemos, no 2012.
—Estarán máis pola zona?
—Creo que só esta vez. Sempre hai quen se acorde de nós na Costa da Morte e agradecémolo moito, porque son sempre concertos moi guais. Sodes xente moi parecida á do Barbanza.

The Rapants: «Repetimos xira para poder facer o seguinte disco con máis calma»
Con poucas horas de sono, despois de estrear os concertos do ciclo Atardecer no Gaiás e de levar o «bo rollo» á capital galega, Matías Romero, baixista de The Rapants, confesaba en Radio Voz que a de hoxe será a súa primeira toma de contacto co Asalto ao Castelo. Como bo muradán, dixo, por estas fechas sempre ten cita na casa: «Pero moi contento e con ganas de ir por Vimianzo. Estas festas que teñen temática e que reivindican o pasado molan moito», dixo.
Son unha das bandas do momento e están traballando na gravación do seu próximo disco, logo do éxito de La máquina del buen rollo. «Desta vez, decidimos repetir xira para poder facer o disco con máis calma que o anterior e estamos flipando —e moi agradecidos— coa acollida. Coa inmediatez que ten a música hoxe en día, para nós é un alivio ver que podes parar un ano e gravar un disco con tranquilidade», explicou o músico, que reiterou os agradecementos ao público que os acompaña alí onde van.
«Empezamos a ser algo conscientes [do éxito que se viña] cando sacamos O corasón como un after, pero aínda así pillounos de sorpresa. Ver como estaba cheo O Son do Camiño na hora na que máis daba o sol, ou como noutros concertos quedaba a xente fóra... Unha pasada», engadiu o baixista. Este ano, ademais, tiveron ocasión de levar a súa música a fóra de Galicia, con concertos en Madrid ou en Avilés, neste caso da man da banda La Raíz.
Esta noite compartirán escenario con Heredeiros da Crus, unha banda que, di Matías, foi referente para todos. Haberá quen os defina como os «heredeiros dos Heredeiros», mais eles prefiren trazar o seu propio camiño. «Sería un orgullo chegar ao que fixeron eles en Galicia, ter a todo o mundo conectado, de tódalas idades...», reflexiona.
O programa de hoxe, ao completo
Todo o día
- 10.00 a 20.30: feira de artesanía
- 12.00 a 15.00 e 19.00 a 23.00: pinchos irmandiños
Pola mañá
- 11.00: xogoflexia, obradoiro infantil
- 11.00: xogos de mesa de temática medieval e mostra de evolución das armas
- 11.15: torneo de xadrez, taller de técnicas medievais de combate e taller de esgrima
- 12.30: Espazo Artístico Itinerante
- 12.30-14.00: actuacións de Coídos, Catro nun zoco e Trubisquiña
Pola tarde
- 16.00: aturuxos irmandiños e xadrez
- 16.30: Asaltiño
- 17.30: historia dramatizada do Castelo e técnicas con armaduras medievais
- 17.45: torneos de carcasonne e catro en liña
- 18.00: concerto de Mini Rivas
- 18.15: obradoiro de esgrima
- 19.00: Irmandades Parroquiais
- 19.45: pregón
- 20.00: música polas rúas con Dautaka, Medio Quinhón e Rapacollóns' Big Band
Pola noite
- 20.30 e 22.00: Alana e The Rapants
- 23.30: representación do Asalto
- 1.00, 2.30 e 4.00: Heredeiros da Crus, Firkin e Mekanika Rolling Band