Vimianzo estalou en ledicia irmandiña

X. A. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Os servos dos Moscoso asentáronse un ano máis, e xa van trece, aos pés da fortaleza soneirá, co abrigo dos vellos carballos e ao amparo da historia

07 jul 2025 . Actualizado a las 15:22 h.

A revolta irmandiña de Vimianzo é farturenta. Como a Cea Medieval do venres pola noite. Os servos dos Moscoso asentáronse un ano máis, e xa van trece, aos pés da fortaleza soneirá, co abrigo dos vellos carballos e ao amparo da historia. Hai tanto devezo por asistir ao banquete que os presentes case gozan dun privilexio aristocrático. Achegáronse os comensais ataviados con xubóns, saios, túnicas e roupaxes variados de aires medievais.

Con rostros de ledicia e ademáns formais, a xente foi collendo asentos ao son de Cé Orquestra Pantasma. Nos prolegómenos, o oficiante dos estados de Altamira, Manuel Rial, deu a benvida no nome de Bernal Eans de Moscoso e presentou aos pregoeiros do Asalto ao Castelo deste ano, os organizadores da Festa da Carballeira (8-9 de agosto). Santos entregoulle un diploma e Fidel Otero, na representación dos convidados, unha lúa de Castro Meda.

O seguinte labor eran as primeiras viandas: «Irisado tambor de árbores en flor». Pezas de froita variada. Non tardou o exército de voluntarios en servir «magra carne vermella de corte con graza branca e alegría na lingua e branco líquido callado en silencios alquimia», o ben chourizo con queixo. Lupe e Suso de Xornes aliñaron o ambiente coas súas regueifas e facendo chanzas coa comida, con algúns dos presentes e cos músicos, mentres non chegaba o «cabezudo corpo globoso de oito brazos adobado con cantareiro pemento ao xeito maragato», polbo á feira, que Suso de Xornes e Lupe deliberaron de procedía de Marrocos ou de Camariñas. Alternándose con Cé Orquestra Pantasma, que con A sementeira e Catro vellos mariñeiros fixo levantar a xente nos asentos.

Os xerros de viño e cervexa ían e viñan nunha noite maina de ledicia ata que chegou a «frutífera metida de pata, do cortello á corte, entre gruñidos de xograres e soldadeiras verdes e laranxas» ou, o que é o mesmo, lomedro con cenorias e feixóns. E de sobremesa, «tortas cruzadas por terra doce», torta de Santiago.

O resto foi goce, con Miguel Queiro como gran druída compoñendo a queimada contra los malos espíritos.

E no concerto, unha multitude seguiu as actuacións de Monoulious Dop e La Yaya DJ. Os de Che Sudaka non puideron chegar por un incendio nunhas vías do tren en Alemaña, onde tiñan que coller o avión.

BASILIO BELLO

A xornada de onte foi de apoteose en Vimianzo, con centos de nenos nun moi animado Asaltiño e 17 irmandades nun desfile que encheu a capital de Soneira de tambores e vigor revolucionario. Dende o pregón, os representantes da Carballeira dixeron que ían a Vimianzo como uns irmandiños máis, que as pedras do castelo son memoria de todo, que os opresores só cambian de nome e expresaron un compromiso de resistencia, contra Altri e o xenocidio. A praza estaba ateigada.

Hoxe hai visita guiada ao castelo, representación dos Quinquilláns e sesión vermú.