
Plan familiar para esta tarde-noite en Vimianzo: 21.00 horas, na Praza do Concello. Un espectáculo de acceso libre e gratuíto. Haberá tamén citas co teatro en Buño, Dombate e Fisterra. Coa maxia, en Olveira, Dumbría
26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • 21.00 horas • Vimianzo • Avanzará esta tarde-noite o programa Vimiansol do Concello de Vimianzo. Nova parada na Praza, desta vez coa gala Circando, de Artefeito: gratuíto, familiar, ao aire libre. Fala dela Fran Rei:
—Que nos pode adiantar?
—Circando é unha gala de variedades para todos os públicos, e insistimos moito no de variedades. En escena, cinco artistas galegos. Malabares, acrobacias, un chisquiño de maxia, moito humor... Sempre se asocia o de gala con circo, pero aínda que si temos números circenses, estendémolo un pouquiño máis. Levamos cinco anos xirando, case co mesmo elenco, movéndonos por Galicia, Asturias, León.. Con humildade podemos dicir que se amosa o grande talento que ten hoxe o teatro de rúa en Galicia.
—Quen son eses cinco nomes?
—Sue Moreno, Pepe Varela, Félix Rodríguez, Fran Boza [ao que menciona como o mellor malabarista do país] e eu mesmo, Fran Rei, que me encargo de facer un pouco de nexo entre todos os números e tamén fago os meus propios, en solitario. O espectáculo está pensado para que todos os artistas vaiamos interactuando uns cos outros, aínda que haxa espazos individuais. Iso faise co ánimo de aumentar o dinamismo e tamén para que o espectáculo sexa sempre único, non só unha mera suma de números. En total, uns 70 minutos.
—Nenos e maiores adoitan ser os máis atentos nestas citas?
—Iso daría para outra conversa [ri]. Nese espazo entre a adolescencia e a idade na que un ten fillos a xente adoita non vir tanto a estes espectáculo, mais nós dicimos que é unha cita familiar, porque se ben se pensa moito para os máis pequenos, non nos esquecemos tampouco de pais, nais, tíos, avós... A nosa experiencia é que todo o mundo o pasa ben. O humor quizais engancha máis aos nenos e as espectaculares e poéticas acrobacias aéreas, quizais máis aos adultos. O segredo está na variedade, nalgún momento enganchamos segundo os gustos de cada quen. Aínda que cada artista ten os seus proxectos, Circando é un concepto agradecido, sobre todo en verán.
—Xa coñecen ben Vimianzo.
—Penso que podo falar en nome do sector se digo que temos moita sorte de contar con prazas como Vimianzo, con moita atención ao teatro de rúa e un Concello xeneroso contratando. Ano si, ano non, o que é unha animalada, teño a sorte de ir por aí, ben cunha gala así ou ben cun espectáculo en solitario. É recente o paso da gala Cirqueiras, circo feminino, tamén dende Artefeito. En verdade é unha sorte ter municipios que apostan deste xeito pola cultura.
MÁIS ARTES ESCÉNICAS PARA ESTE SÁBADO NA COSTA DA MORTE
O mago Teto, en Olveiroa, Dumbría. 20.00 horas • O programa cultural dumbriés para este xullo rematará hoxe ás 20.00 na Praza do Cruceiro, Olveira. Alí chegará o mago Teto con O Camiño do afiador, parte do ciclo Cultura no Camiño.
Xampatito Pato, en Fisterra, con «Só». 12.00 horas • Ración de teatro de rúa ao aire libre, na Praza da Constitución. Só é un espectáculo para público familiar con Xampatito Pato, tamén no ciclo Cultura no Camiño.
«No tempo das pedras»: Dombate. 11.30 e 13.00 horas • Dombate, en Cabana, é o dolmen catedral do megalitismo galego. Hoxe, dous novos pases da teatralización dos Quinquilláns para viaxar moi atrás no tempo.
«Onde nace o fume», en Buño. 12.00 horas • Visita teatralizada ao ecomuseo Forno do Forto, dedicado ao mundo oleiro. Onde nace o fume é de balde, sen inscrición previa e para todos os públicos.