«Este ano temos actividades potentes»

ZAS

JOSE MANUEL CASAL

O Concello de Zas contribúe coas actuacións de Rober Bodegas e De Vacas á programación das entidades de Baio

23 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As entidades de comerciantes, sociais, culturais e deportivas de Baio idearon un amplo programa para este Nadal co fin de animar o ambiente no pobo e invitar ao consumo local. O Concello de Zas tamén contribúe con dúas actuacións, a de Rober Bodegas, prevista para hoxe, e De Vacas, para o sábado. O edil de Cultura, Manuel García, chama á participación.

-¿Tentan dar pulo comercial con actividades culturais?

-Nós, dende o Concello o que queremos é contribuír a incentivar o comercio local. Este ano creo que hai actividades potentes, como é a de mañá e a do sábado e logo tamén con talleres para facilitar a conciliación familiar.

-¿En que medida pode incidir a cultura na actividade económica dun pobo?

-Dende o noso punto de vista, no Concello pensamos que calquera actividade que consiga mobilizar a un bo número de persoas, sacar a xente das súas casas, darlle algo distinto ao habitual, ao final vai repercutir no movemento económico. Ou iso esperamos, tratar de mover a economía.

-Hai a percepción de que cando varias entidades se unen e un concello tamén se suma a unha determinada iniciativa os efectos multiplícanse.

-Estou de acordo. É evidente cando poñemos o fin colectivo como obxectivo. Un dos nosos propósitos para o ano que vén é poñernos de acordo asociacións e Concello para facer unha programación común. O caso de Baio é unha demostración. Saíu unha iniciativa das entidades e nós, como institución, o que fixemos foi implicarnos. E que menos.

-Daquela non é unha cuestión puntual.

-A nosa idea é que este sexa o camiño a seguir. Non só en Baio, senón a nivel municipio. Intentar que as asociacións funcionen dunha maneira máis sincronizada e nós canalizar o seu traballo. Para nós sería unha gran axuda. Que as entidades participen na programación do Concello. A nosa idea é profundar neste senso e con todos os colectivos, non só cuns poucos.

-¿Cales son os puntos fortes do programa cultural de Zas?

-Home, ata o de agora, o máis importante é a Semana Cultural de Zas. Logo están as actividades nos colexios, que son moi fortes e ás veces non transcenden tanto, pero son boas, e logo manter un bo nivel de actividade todo o ano, a través de iniciativas de tempo libre, obradoiros dependendo a estación e, sobre todo, tendendo á formación das persoas.